Opinión

Cen anos de Ruada

Andan os amigos e amigas da Coral de Ruada de aniversario, transitando por un ano que merece tódalas honras que poidan caberen nunha vitrina, pois non é doado que un colectivo musical vocal das características polifónicas de De Ruada, chegue a tan lonxeva idade.

Leo que (permítame a concomitancia) por obra e gracia do tamén ourensán José Rodríguez Carballo, con vara alta e báculo de mando no pedestal da igrexa católica, para celebrar tan redondo aniversario decidiron marchar a Roma e, contra o que literariamente fixo Curros no seu "Divino Sainete, que foi irlle cantar as corenta a León XIII, eles foron cantarlle a "Rianxeira" ó Papa Francisco, que como bo arxentino seguramente escoitaría de neno máis dunha cantiga galega no seu cosmopolita, moi italiano e tamén algo galego Buenos Aires natal.

Non hai moito máis de ano e medio que Ourense -naquel caso por intermediación da canonización do meu veciño Faustino Míguez- tivo unha importante presencia ás portas da basílica de San Pedro coa Real Banda de Gaitas, que tamén lle fixo chegar ó cura Bergoglio os aires galegos que desprenden os roncos da gaita.

Agora foi esa Coral de Ruada que tanto nos agarima e tan ben nos representa, a que nos colocou simbolicamente de novo naquel inmenso espazo universal polo que cruzan arreo milleiros de persoas de calquera recanto do mundo.

E é que, como xa o deixou dito no seu momento Vicente Risco, Ourense é un mundo, un mundo enteiro.

Un mundo enteiro que, como tantas veces teño escrito neste mesmo espacio xornalístico, con frecuencia nos sabemos valorar ou, o que aínda é peor, case desprezamos, descoñezo se porque nacemos con algún xen negacionista nalgún recanto do cerebro ou porque non sabemos colocarnos os lentes de mirar para dentro, que outros lugares non só saben colocar, senón que, orgullosos, saben fachendear con eles.

Por cuestións que non veñen a conto non poderei estar na romaría dos amigos que anualmente celebra este colectivo no mosteiro de Oseira para felicitalos en persoa, tal como tiven oportunidade de facer o pasado 17 de maio na praza Maior de Vilanova dos Infantes a onde adoitan acudir tódolos anos, contra o tempo e os elementos, en rigorosa procesion colectiva para cantar na igrexa de San Salvador con motivo da romaría Raigame.

Velaí que, en obrigada xustaposición, me permito trasladarlles deste esta columna a miña máis sincera noraboa, unha vez máis, un por un a tódolos amigos e amigas da Coral de Ruada, por seren quen de manteren con folgos tan anovados eses cen anos que ata o de agora tan só teñen logrado acadar outras dúas outras masas corais galegas.

Te puede interesar