Opinión

Un cento de mámoas

Os camiños da cortesía leváronme nantronte cara as terras fisterrás de Ponteceso, en cuxa aldea do Couto un grupo de persoas que traballan baixo os tellados da fermosa casa parroquial e ensarilladas polo elo conceptual da Fundación Eduardo Pondal, teñen erguido un verdadeiro santuario laico da palabra e da dinamización local que durante a última semana volveron encher de vida cultural a través do programa "Festiletras" ó que lle puxo o ramo musical, en acto de irmandade coa romaría etnográfica Raigame, a centenaria banda de música de Vilanova dos Infantes.

Podería dedicar toda a columna a esta iniciativa e ás moitas apostas de colaboración entre terras arraianas como son estas do Arnoia e o Limia e terras de transición co alén como son aqueloutras nas que atopa o mar bravío o río Anllóns. Pero non. De ámbalas dúas iniciativas -Raigame e Festiletras- deron conta dabondo tódolos medios de comunicación e non vou repetir eu palabras escritas e pronunciadas ó respecto.

A viaxe deume pé, sen embargo, para achegarme -por vez primeira dende que foi levantado o acristalado edificio que o acubilla- ata o famoso dolmen de Dombate.

Foron varias as veces que o visitei espido, sen o elemento arquitectónico que hoxe lle dá protección fronte ás inclemencias climáticas, e ademais de sorprenderme gratamente pola harmonía do conxunto debido á respectuosa limpeza da intervención alí promovida e ó mesmo tempo da sinxeleza expositiva que o completa e que permite unha visita sen barroquismos innecesarios, tamén tiven tempo de corroborar o horriblemente mal que sabemos "vender" o noso patrimonio cultural, xa que logo, como acontece en tantos outros lugares dos catro puntos cardinais desta terra, á entrada recibiume un aburrido garda de seguridade que tan ben podía estar alí coma na porta do hospital de Conxo, na entrada do tanatorio das Burgas ou na garita dunha empresa da Zona Franca viguesa e que, cando fixen ademán de pagar, díxome con displicencia que podía pasar, que a entrada alí era gratuíta.

Pode estar seguro, benquerido lector, que tan pronto comecei a circular darredor da anta, os devezos leváronme de contado ó escenario de planalto da serra do Leboreiro, no concello de Verea, onde dormen un sono milenario ducias de irmáns do dolmen de Dombate coa Mota Grande á fronte dun exército de máis dun cento de mámoas que constitúen a meirande concentración dolménica do sur de Europa, sen que ninguén mova unha palla para transformar ese silencio pétreo nun valor turístico de primeira orde.

Te puede interesar