Opinión

Circunloquios

Con certa frecuencia, os que temos a fortuna e ó mesmo tempo a responsabilidade de nos poder pronunciar publicamente a través da utilización de ferramentas comunicativas coma esta columna, vémonos na obriga de botar man de circunloquios para tratar de expresar as nosas reflexións -sobre todo cando estas teñen un concreto receptor- sen ferir a ninguén.

Esa ten sido a miña máxima dende que camiño con esta "navalla" no peto, pois son consciente de que se ben me pode ser vir para mondar unha mazá, se non teño vagar e un certo tino no seu uso, podo acabar provocando que sangue alguén que teña máis ou menos preto ou facéndome dano a min mesmo, que tamén podería ser.

Creo que o exemplo é abondosamente claro, por máis que estea escrito tamén coa técnica narrativa do circunloquio e sexa presentado cun monte de eufemismos máis ou menos acaídos.

Sirva este limiar para contextualizar a columna que puido ler -se tivo vagar- o pasado xoves, escrita baixo o título de "Señora azul" e que viña, en xenérico, a poñer en solfa os continuos vaivéns que se andan a produciren na política provincial, onde o que ata onte non vía a través doutros lentes que non foran azuis, agora resulta que son laranxas de toda a vida, ou aqueloutros que só usaban o vermello para se faceren ver, agora levan petos verde tirando a gris porque a multiplicidade da fauna política é xa tan ampla e variada que comezan a quedaren poucos colores libres na paleta cromática.

É certo que nunca coma ata agora houbo unha oferta política tan diversa como desagregada. Para ben ou para mal, creo que a chegada das redes sociais ás nosas vidas -mellor dito, a mediatizar o espazo cotián das nosas vidas- ten moito que ver nisto e penso, sinceramente, que aínda hai espazo para que evolucionen. Antes, a non ser que foses un librepensador que non quería pexas nin para decidir que libro ler ou que película ver, se te sentías identificado cunha determinada forma de organización social, acababas formando parte dun partido político. Agora, sen embargo, do que acabas formando parte é de pequenos ou grandes grupos de whatsapp, de facebook, de twitter ou de instagram. De aí tanta atomización e tan pouco compromiso, porque se te sentes incómodo nun grupo non che custa nada silenciar ó resto ou saír da aplicación e procurar outra coa que a túa afinidade sexa maior.

Isto, unido a que, como non podía ser doutro xeito, vivimos nun mundo cada vez máis libertario , no que elixir é un dereito sen contraprestacións, fai que probablemente sexa por aquí por onde teñamos que procurar unha das razóns que explican tanta banalidade e tanto daltonismo á hora de ver colorado o que aínda onte, non é que o viramos, e que mesmo cheiraba a outro color.

Te puede interesar