Opinión

Con 134.285 ás costas

Si. Esa é a mochila coa que carga cada un dos 350 congresistas que nantronte entraron a trompicóns e en moitos casos con moi mala educación, nun hemiciclo que debería ser -e non o considero un formulismo ritual, nin moito menos- o santuario do debate intelixente e medido, se quere vostede da discrepancia política, pero sempre no marco do diálogo entre diversos e, polo tanto, da palabra.

Para decatármonos da auténtica dimensión desa mochila coa que cada quen entrou pola porta do edificio para tomar posesión legal do seu cargo representativo non só dos electores que os votaron senón de toda a poboación, fagamos translación espacial a un exemplo que nos fará entendelo con enorme facilidade.

Se colleramos a esas 134.285 persoas e as colocásemos como algunhas veces se teñen colocado algúns colectivos cataláns independentistas cando "abrazan" este ou aquel recinto ou mesmo calquera edificio público, é dicir, collidos da man pola beira da estrada, e eu fose o primeiro dende a porta da miña casa dos Quintairos de Amoroce, o derradeiro de todos eles podería, coa man que lle quedase libre, darlle un abrazo ó apóstolo na súa cripta catedralicia.

Dito doutro xeito, ocupando cada un deles un só metro, entre todos consumirían 134,285 Km, que é precisamente o que separa a miña casa celanovesa da Praza do Obradoiro compostelá. Ou sexa, un monte de xente!

Eu non sei se todos cantos algunha vez foron elixidos para quentaren un escano no Congreso, foron quen de botaren estas contas. Creo, sen embargo, que todos eles deberían telo feito porque son tan ilustrativas que lles botaría por riba a responsabilidade xusta que cada un -e cada unha- deberían levaren nesa mochila cada vez que fan unha intervención ou realizan algunha actividade complementaria ou representativa dentro ou fóra do Congreso.

É evidente, non obstante, que polo galiñeiro no que se converteu nantronte o hemiciclo, ninguén -agás o presidente de idade, que en só dúas intervencións maxistrais como tal, ten feito méritos para ser o presidente perpetuo- fixo esta mínima reflexión de contexto.

Quen é o responsable -cabería preguntarse- de que tanto refugallo político acabe formando parte da elite representativa do Estado?

A resposta non deixa lugar a dúbidas: Non! Non aterraron nantronte dende Marte no veleiro da rapaza finlandesa. Por desgracia forman parte de nós e como tales son un espello do noso eu colectivo máis esperpéntico. É cru, pero é así e  quen non o vexa é que está tan cego coma o rei espido e tan espido coma os homes grosos de Ramón Conde.

Te puede interesar