Opinión

Contas da tía María

Leo que o presidente da Deputación andou nos inicios da semana polas novas "terras de Puigdemont", pero para falar de cousas máis serias.

Segundo informa este mesmo xornal, facéndose eco da devandita viaxe, o obxectivo da mesma non foi outro ca reivindicar que no próximo horizonte de xestión dos fondos europeos sexa tida en conta, para o seu reparto, a singularidade provincial e a súa xestión poida ser delegada directamente nas Deputacións co fin de axilizar proxectos a realizar un reparto non só máis equitativo, senón máis redistributivo, que é, ó meu ver, onde radica a clave da operatividade destes fondos.

É certo que ó lelo, nun primeiro intento non resulta difícil asociar esa demanda cun concepto cada vez máis en desuso como é o de "provincialismo".

Sen embargo, se un decide afondar un pouco máis  nos argumentos e racionalizar debidamente a proposta, resulta moi doado chegar a esa conclusión facendo uso dunha lóxica aplastante, que, certamente, non sei se foi a que utilizou ou non como argumentario o presidente, pero que a min se me antolla obvia, por non dicir evidente.

Houbo un tempo, denantes da ampliación de Europa cara o leste, no que os índices socioeconómicos, demográficos e outros, colocaban a Galicia por debaixo da media da Unión, razón pola cal a nosa Comunidade era considerada obxectivo principal, o cal supuxo que pola vía Estado-Xunta chegaran fondos a moreas, que logo, nunha altísima porcentaxe acabaron sendo investidos niso que dende hai tempo denominamos a franxa atlántica, é dicir, o brazo terreo duns 50 km de largo, que vai dende a desembocadura do río Eo ata a foz do Miño entre Caminha e a Garda, ou o que é o mesmo, a Galicia habitada, industrializada e economicamente máis saneada.

Ou sexa que, botando contas que tía María daría botado cos dedos, o caso foi que ó longo dunha chea de anos, cando a billa europea dirixía o seu cano cara a súa fisterra occidental, a Galicia rural formada polo interior de Lugo e pola provincia de Ourense, que ademais achegaba incluso o seu carácter fronteirizo, era a que baixaba a ratio porcentual para que os fondos chegasen de forma preferente á nosa terra e logo, unha vez aquí, esa parte de Galicia que sen a fronteira de Ourense, sen a decadente demografía ourensán e sen as carencias socioeconómicas da nosa provincia e do interior de Lugo superarían a media europea, resulta que eran os verdadeiros beneficiarios dos fondos.

Por iso que unha consideración provincial resultaría moito máis xusta e redistributiva dos fondos. E, ademais, se en Portugal poden os concellos xestionar directamente os fondos, por que aquí non o van poder faceren os "concellos de concellos" que son as deputacións provincias?

Te puede interesar