Opinión

O conto do rato e o submarino

Non mo crerá, benquerido lector, pero levo máis dunha semana á procura dun ratiño que me entrou na casa e fixo do meu escritorio -ou, mellor dito, dalgún buratiño que eu non dou atopado entre as vellas pedras da tenda que nel tivo a miña bisavoa, hai moitos anos- o seu fogar.

Como pode comprender, o primeiro que fixen foi procurar a caixa do veleno. Traen unhas bolsas cheas dun grao vermello-rosado que seica tardan tres ou catro días en facer o seu efecto letal, co fin de que os ratos -que de parvos non teñen nada- non lembren onde foi que "degustaron" o mortífero xantar.

E nesas ando, xogando con el –nunca mellor dito- "o gato e ó rato", facéndolle fotos cada día á bandexa onde pousei o menú granulado co fin de poder comparar a súa evolución cotiá e saber certamente se pasou por alí e se comeu algún grao que lle poida provocar o seu paso a mellor vida.

O cabrón -permítame a licencia- fai desaparecer pequenas doses cando eu non estou no lugar, pero cando me sento á mesa a traballar, por máis que intento pasar desapercibido non aparece por ningures. Sen embargo, cando marcho e volvo, con frecuencia falta da bandexa algún grao.

Isto fai que por veces me entren dúbidas e pregúntome se é que non haberá algún máis que ocupa o seu lugar.

E penso iso porque, botando man da filosofía popular, que é sabia, disque cando un ve un rato quere dicir que na niñada hai polo menos outros seis máis. Se cadra é por iso que por máis que o grao velenoso sexa efectivo, hai que botar moito máis grao para que morran os sete.

Traio a colación o rato “okupa” -aínda que aparentemente non teñan moito que ver-, ó fío da detección e consecuente detención do xa famoso submarino que cruzou o Atlántico para recalar nas Rías Baixas e marcar outro fito de desvergonzada audacia coa que traballa a nova niñada de narcos, agora xa non só galegos senón supranacionais.

E tráioo porque ó ir lendo algunhas informacións ó respecto, vexo moitas felicitacións –que as merecen, os que foron quen de saber mirar por baixo da superficie do mar- por tan importante captura. Sen embargo, eu creo que, do mesmo xeito que lle acontece á camada do rato que me anda a incordiar, se seguimos a filosofía popular (e tal como todos comprobamos en “Fariña”, hai moito de filosofía popular nos baixos fondos do narcotráfico galego) e trasladamos aquí a súa fórmula estatística, non é difícil chegar a unha conclusión que por desgracia xera algo de inquedanza: Isto é, que por moito que ese sexa o primeiro “narcosubmarino” capturado polos corpos de seguridade internacionais, iso quere dicir que é moi probable que cando todo volva “ser normal”, haberá outros seis navegando por calquera recanto atlántico en alta mar.

Te puede interesar