Opinión

Coreografías na escuridade

A veces -supoño que tamén lle terá pasado a vostede de cando en vez-, sen saber certamente por que, a un asáltanlle preguntas sobre asuntos irrelevantes que en moitos casos estiveron sempre diante dos nosos ollos, pero nunca repararamos neles.

Como acabo de escribir, estou seguro de que vostede mesmo se terá visto en máis dunha ocasión nesa mesma situación, preguntándose logo como puido ser que nunca, ata o momento, se decatara diso.

A miña filla maior é unha auténtica especialista en cuestionar cousas que non lle interesan a ninguén e logo procurarlles a solución polo simple pracer de satisfacer a dúbida, do mesmo xeito que satisfai a sede quen bebe un vaso de auga fría cando apreta a calor. A pequena dille sempre que qué gaña con iso e ela adoita contestarlle que non ten nada que gañar, a satisfacción por saber.

Preguntas, nalgúns casos case infantís, que adoitan ser as máis difíciles de responder, do estilo de por que o ceo é azul, por que os bolígrafos Bic teñen un buratiño no medio, por que nos contaxiamos cos  bostezos ou por que un metro mide un metro, poño por caso.

Preguntas sen cuxas respostas poderás vivir toda a vida, sen a máis mínima merma de felicidade. Iso si, ata que se che meten nos miolos, porque entón, ata que deas co resultado non serás quen de pensar noutra cousa.

Pois ben, isto foi o que me aconteceu a min nantronte pola noite na praza Maior da miña vila (houbo un cantante que lle chamaba "plazoleta", estiven a piques -vive deus- de organizarlle unha manifestación de protesta), mentres contemplaba o espectáculo visual da orquestra Olympus -dis que unha aspa do trebol de catro follas do olimpo orquestral galego-, cun dos seus vocalistas hiperactivo (seica anda "rulando" pola rede -a expresión é del- un vídeo un pouco psicodélico) e outros catro -dous mozos e dúas mozas- facéndolle as voltas vocais e coreográficas de arredor.

Ó comprobar, unha vez máis a velocidade dos movementos que lle imprimen a da danza e ver que, con máis ou menor ritmo e concordancia coa música, tódalas orquestras seguen a mesma cadencia de movementos coma se danzasen a 75 revolucións por minuto, no canto de facelo a 33, a pregunta que me asaltou con ritmo de zumba, vallenato ou reggaeton, foi por que -ou, mellor dito, quen inventou- as coreografías tan singulares das orquestras, non sei doutro lugar, pero polo menos de Galicia.

É posible que teña unha explicación, igual que se sabe por que as palomitas estoupan coa calor. O que non sei que teña tanta explicación é por que teñen que ser (loxicamente ten que haber excepcións) tan vulgares nas formas e mesmo nas expresións cando cala a música e se dirixen ó público, a miúdo sen ton nin son. É que ser cantante dunha orquestra é incompatible coa boa educación?

Te puede interesar