Opinión

A Corga do André

Ó igual que imaxino que vostede, seguín dende a distancia, pero con atención, o titánico episodio do rescate do deportista portugués traxicamente encanado nun granítico e mortal funil da agora xa famosa Corga do Fecha do Xurés.

Despois da primeira alerta informativa aparecida nas redes sociais e nos medios de comunicación tradicionais o pasado domingo, coñecidos algúns dos pormenores -outros moitos, polo menos publicamente, aínda están por coñecer- que levaron ós catro barranquistas de Porto ata Río Caldo, arroupados os sobreviventes e atendida a familia do infortunado aventureiro, a medida que avanzaba a semana o foco informativo comezou de súpeto a facer "zoom" sobre uns puntiños policromáticos pendurados sobre a inmensidade vertical do magma granítico do Xurés e a observar de preto a extrema dificultade que entrañaba a operación que de sol a sol e sen descanso comezaron a desenvolver.

Certamente, todos nos sentimos seres ínfimos fronte a esa rocha que, non sabemos ben se por ousadía, por imprudencia ou por unha mera concatenación de infortunios, acababa de engulir a un mozo -non xa tan mozo- que viñera ó Xurés a deixar alí algo de adrenalina e acabou por desgracia deixando a vida nel.

Como tamén nos sentimos seres minúsculos -polo menos eu- perante aqueles puntiños humanos zarabatidos pola auga sobre o vertixinoso bacío dos seus pendurados pés.

Dende nantronte a súa foto en formación de equipo (resulta impensable que unha operación semellante puidese ser levada a cabo con descoordinación) anda polas redes -e mesmo vostede a puido ver neste xornal onte- xa no ambiente de tranquilidade que dá o saberse en posesión do deber cumprido fronte a dificultade extrema que a montaña lles propuxo desta vez.

Son os membros do grupo de rescate e intervención de montaña da Garda Civil, polos que eu sinto hoxe, simplemente, admiración e para os que pido unha campaña colectiva de aclamación para que lles sexa concedido o recoñecemento social ó que durante estes interminables días se fixeron acredores.

Igual que pido publicamente que o pobo de Lobios lle mude oficialmente o nome á Corga do río Fecha polo de Corga do André. Pois foi gracias á involuntaria e desgraciada entrega da vida de André Terra Da Silva que este tan espectacular como perigoso recanto xeolóxico e fluvial do Xurés acabase sendo coñecido en toda a Península Ibérica, tanto polos afeccionados ó deporte extremo como polos simples amantes da natureza, que somos lexión tamén.

Xa sei que os nomes dos lugares son postos pola tradición e á tradición obedece ou debería obedecer calquera mudanza toponimia que se prece. Pero a morte de André e o encomiable labor do GREIM no seu rescate ben o merecen, pois ámbolos dous episodios indeleblemente ensarillados serán ben difíciles de esquecer.

Te puede interesar