Opinión

Cousas do día a día que me sublevan

De entre as moitas cousas que nos acontecen no día a día nas relacións comerciais que mantemos cos nosos semellantes e fundamentalmente coas grandes empresas, hai varias que me sublevan.
A que máis, con moita diferencia, é esa manía que teñen de chamaren a través duns sufridores empregados de centros de chamadas a calquera hora do día, poñendo os teus pés o ouro e o mouro, coma se che foran regalar a compañía e prometéndoche que non volverás pagar un euro no que che queda de vida polo servizo que che ofrecen.
Despois de ter probado unha boa ristra de desaires contra os que mandan na compañía (non contra os traballadores que están co cu pegado á cadeira non sei cantas horas no medio dunha insufrible e hipervixiada colmea) por me espertaren da sesta ou simplemente importunarme cando estou de ocio cos amigos, dende hai un tempo xa optei por colgar, tan pronto identifico o obxecto da chamada, sen dicir un ata logo sequera.
Por orde de intensidade, a seguinte é, se cadra, a manía que teñen as estacións de servizo de converternos -por obra e gracia da súa cara dura- en empregados deles, obrigándonos a executar unha operación de risco como é a da reportaxe sen que o noso peto se vexa beneficiado nin cun só céntimo. Xa teño que estar ben apurado na reserva para que, cada vez que chego a unha estación sen operarios, non volva arrancar o motor e me vaia camiño doutra gasolineira.
En menor dimensión, aínda que tamén me cabrea, no seguinte escalafón está o servizo de estacionamento da "ORA", que e chegas un cuarto de  hora máis tarde do tempo que abonaches é moi posible que te atopes no parabrisas cunha notificación de sanción, mentres que se pagas o recibo por unha hora e logo estás só media, ninguén che devolve un ichavo e só che queda como remedio cederlle o recibo a algún conveciño que estea a piques de estacionar cando ti arrancas para evitar que o concello recade dúas veces polo mesmo tempo e polo mesmo espazo.
A cuarta -pero non última- ten que ver coa información que traía onte na segunda páxina este mesmo xornal, ó asegurar que no 2021 tres de cada catro casas de Ourense contarán cunha velocidade de acceso á rede de 100 megas.
Supoño –iluso- que cando esa velocidade chegue á miña aldea, a compañía que leva anos cobrándome o servizo de 10 megas sen que chegue a 3 a velocidade real de descarga e a menos de 1 a de subida, farame o desconto proporcional correspondente polo moito que me ten roubado. E o que é peor, coa miña propia connivencia.

Te puede interesar