Opinión

Cousas do Parlamento

Que as intervencións públicas do presidente do Parlamento, Miguel Santalices, nunca decepcionan, é unha verdade axiomática, que diría un matemático, e que nantronte pola tardiña volveu transformarse nunha evidencia.

Como vostede seguramente sabe, demostrouse unha vez máis no Foro que organiza este mesmo xornal, no cal quedaron patentes outras dúas evidencias que, coma fungos que viven do carballo, moran intrinsecamente nel e que son a súa manifesta e comunmente aceptada bonhomía, así como o amor -se é que se pode cualificar así- que sente polo que significa para Galicia e para a nosa común convivencia, o Parlamento.

Fai uso, tanto no seu fondo coma nas súas formas, dun aquel de inocente campechanía que, unido a unha formación intelectual e cultural certamente sólida e a unha experiencia política e institucional única nos tempos que corren, adobado todo elo cunha personalidade á que lle imprime uns acenos case patriarcais cando debe, sen esquecer unha visión do mundo dende a súa perspectiva profundamente galeguista, que o converten, sen ningún xénero de dúbidas, nun personaxe único no marasmo inanimado do resto da política galega.

Retratouno con trazos certeiros -porque o coñece ben- o presidente da Deputación e espremeuno, para facerlle aflorar algo de zume tal como acabo de describir, o director deste xornal, Xosé Pastoriza, cando o inquiriu por varias veces sobre algunhas cuestións -ou cousas, que diría Castelao- mundanas que acontecen a cotío no Parlamento e que non adoitan chegar ata nós, senón que acostuman a se evaporaren coma os ecos das palabras, entre os muros da vella facultade de veterinaria ou vello cuartel e hospital, que tamén foi noutrora o Pazo do Hórreo.

Preguntoulle cunha fórmula expositiva de máximos e mínimos, Xosé Pastoriza, sobre o grao de formación política e o nivel intelectual que atesouran os parlamentarios en comparanza cos representantes doutras épocas e, por máis que se deixou levar por algunhas anécdotas anónimas, si que quedou claro que o hemiciclo do Pazo do Hórreo gozou de tempos infinitamente máis atractivos -digámolo así- dos que goza hoxe en día.

Como era de agardar da súa mesura institucional, foi prudente -o presidente- nas súas respostas. Pero se algo quedou meridianamente claro, é que a formación política, humanística e de masa gris -agás raras excepcións- que se distribúe polo estrado compostelán, anda, na bolsa de valores, a prezo de triple saldo.

E isto -xa ó final- levoume a min a pensar algo: Se tal é así, por que os partidos políticos non elevan o "casting" ás ratios que a institución merece? Por desidia ou porque non lles interesa?

Que son 75, entre 2.700.000! É dicir, unha ridícula menudencia.

Te puede interesar