Opinión

DE MADRID Ó CEO

OURENSALIA

Seméllame a min todo isto coma se levásemos unha longa viaxe metidos todos xuntos nun inmenso tren de alta velocidade, a 250 quilómetros por hora, levitando sobre unha inercia cinética que só nos deixaba ver o panorama polo que imos pasando dunha forma fuxidía e case sen nos decatar, pensando sempre nun destino que non sabemos moi ben cara onde vai dar, ata que, de súpeto, o destino fíxonos frear en seco  e nesa manobra tan desestabilizadora cara o punto cero de velocidade cada quen estase agarrando a onde pode, asomando -como acontece sempre- o mellor e o peor da condición humana.


Mentres vemos fotografías de persoal sanitario extasiado e descansando en calquera recanto dun hospital, médicos bufando -porque xa non saben como nos avisar- para que lles fagamos caso, persoal de calquera empresa do sector servizos de productos de primeira necesidade, repartindo de porta a porta todo canto ha soster o masivo confinamento, corpos policiais tendo que multar á xente para que deixe de ser inconsciente e inconsecuente coas súas obrigas sociais e incluso políticos superados polos acontecementos, pero tratando de manter o rictus e tentando acertar na toma dunhas decisións para as que ninguén nace preparado nin ninguén se pode preparar, e evitar así que o xa é unha pandemia non se transforme nunha traxedia universal... Mentres vemos todo iso, repito, acontece que pola outra beira aparecen outras imaxes que nos deben facer reflexionar.


Imaxes de políticos que en cada saída á tribuna non fan outra cousa ca realizaren previamente un cálculo electoral (Pablo Casado, digamos -¡que erro monumental cometeron cando o elevaron a candidato presidencial!-).


Imaxes que se suman a outras imaxes máis perigosas, aínda, como as de pretender aproveitar a debilidade presidencial para lanzarse a nacionalizar por aquí e por acolá todo menos unha finca en Galapagar, ou pretender aproveitar o momento de meirande debilidade -que se saiba na historia da nosa democracia- para subir dun golpe catro ou cinco chanzos cara a meta soñada dunha independencia virtual.


De tódolos xeitos, se algunhas me pareceron especialmente aborrecibles foron dúas pola súa alusión directa á condición persoal da enfermidade.
A primeira, dese actor-político valenciano, cando se referiu ós contaxios doutros políticos que non son da súa corda


E a segunda -e máis aborrecible aínda-, a desa política catalá que fixo referencia ó coñecido lema madrileño do que tan seareiro era meu pai. Se de tal condición humana son os líderes do independentismo catalán e o pobo catalán segue crendo neles, que ten un verdadeiro problema non é ela, senón o pobo catalán.

Te puede interesar