Opinión

Deixar o diñeiro por baixo da bombona

Preguntábanme uns amigos, natronte pola noitiña na hora -digamos- social, de onde sacara eu iso de que agora tan só hai dous ou tres concesionarios oficiais entre a ducia, máis ou menos, de talleres de vehículos que funcionan na miña vila.

Alguén con coñecemento de causa foi quen me forneceu o dato hai xa algún tempo e descoñezo se algún taller recuperou ou non o seu status de concesionario oficial. En todo caso, xuraría que non pasan de tres, os que atenden rigorosamente a ese concepto de concesionario oficial, cando hai moi poucos anos andaban polos oito ou nove marcas as que tiñan presenza real en Celanova.

Volvo sobre isto, porque a conversa mantida con eles deunos pé para continuar arranxando o país ó pé da barra do bar e analizando as distintas posibilidades que había para poder frear esta devala con aceleración gravitacional na que estamos metidos cara o desmantelamento dese mundo de ningures cara o que nos encamiñamos, aquí no corazón da Galicia ignorada na que convivimos vostede e máis eu.

Dunhas noutras, dunhas noutras e dado que na mesma columna desoutro día tamén fixen mención ó caso singular do reparto das bombonas de butano, un deles acaboume contando o cabreo colectivo que se está xestando entre os innumerables usuarios deste servizo, tan necesarios nos días xélidos polos que estamos a atravesar e que, salvando as distancias conceptuais, case era merecedor de provocar unhas manifestacións semellantes ás que nos últimos meses foron organizadas na bisbarra de Monterrei e que fixeron recuar ó mesmo goberno galego co seu todo poderoso presidente á fronte.

Verá... Resulta que o día 18 de decembro a empresa repartidora do butano en Celanova (Ourensana de Gas S.L.) seica mandou marchar á traballadora da oficina desta vila para a súa casa, deixando no seu lugar unha simple nota que aínda está na cristaleira da oficina e que di, literalmente, así: "Les informamos que a partir de hoy 18 de Diciembre de 2019 les atenderemos en nuestras oficinas de la ciudad de Ourense (...) Pueden realizar los pedidos en el teléfono..."

Dende esa, os meus veciños andan a chamar ó numero alí indicado e cando lle preguntan como teñen que facer para pagar, a voz anónima que os atende ó outro lado do fío dilles que o que poden facer é deixar o diñeiro por debaixo da bombona baleira. Así, cun par...!

O meu amigo, pensando que lle estaban tomando o pelo, comentou: "...E se levantan a bombona e marchan con el?". "Ai! Ese é o seu problema...", seica lle contestou.

Dígame, benquerido lector, se o asunto merece ou non merece unha manifestación.

Te puede interesar