Opinión

Deixar pegada

Antes dicíase que para que o tránsito dunha persoa pola vida non resultase inútil, cada quen debería ter, cando menos, un fillo, plantar unha árbore e escribir un libro. Logo, as versións apócrifas falaban de que ademais había que viaxar por terra, mar e aire, a poder ser tamén en helicóptero e globo aerostático.

Un ponse a pensar, co ronsel da experiencias vividas por tras e, tomando conta das que lle faltan decátase de que con máis ou menos dose de audacia, todas están practicamente cumpridas, pero non por iso pensa que xa estea feita a travesía e olla cara a fronte para ver o moito camiño que queda por andar.

Sería un iluso, o camiñante vital, se crese que escribir un libro, plantar unha árbore e deixar descendencia, constitúen o sumo da realización persoal, porque deixar pegada é outra cousa moito máis seria, que ten que ver máis coa chuvia fina que axuda a agromar as plantas ca coa treboada que as afoga ou as esmaga se leva pedra de par.

De ser certa a primeira teoría -coa que eu non concordo, digo de paso- hoxe todo quisque sería unha persoa realizada porque o que máis e o que menos ten o seu muro nas redes sociais e, polo tanto, acabará deixando un perfil publicado elén do seu paso pola vida real, unha árbore froiteira tamén a pode plantar calquera e, malia que cada vez é menos común, tamén é certo que pola vía paternal ou maternal hai máis xente que se reproduce e deixa, polo tanto, descendencia ca que marcha sen procrear.

Pero deixar pegada... Para deixar pegada nun determinado entorno social precísase moito máis. Precísase un compromiso insubornable coas xentes, unha coherencia irrenunciable cos principios intelectuais, unha translación indeleble deses principios as súas accións vitais e unha continuidade no tempo que transcende dunha mera treboada de verán, dunha máis ou menos longa campaña mediática ou dunha arroutada electoral. Precísase ter un perfil tal que, coas súas luces e as súas sombras (as haxiografías só campan nas vidas dos santos de noutrora), teña sido quen de vivir baixo a máxima vital dun ser arremangado, disposto de contado a loitar polas súas crenzas, medindo as consecuencias, pero aberto a asumilas cando fose preciso se iso favorecía a consecución do resultado final, fose este social, educativo ou empresarial, cultural,  político ou sindical (o seu campo de acción principal).

Hai xentes que pasan pola vida e deixan pegadas efémeras, froito dalgunha casualidade ou dun golpe de sorte ocasional. Hai outras, sen embargo, que deixarán pegadas indelebles porque foron quen de cicelalas a man sobre o granito –co que iso custa!- ó longo de tódolos días da súa traxectoria vital. Etelvino Blanco é un deles. E Ourense está xa con el en débeda de llo saldar.

Te puede interesar