Opinión

Descobrindo palabras

Por máis que un pense que ten un fluído dominio do vocabulario, é ben certo que a cotío, para facermos uso da comunicación cos nosos semellantes, manexamos unha parte ínfima da xenerosa posibilidades colección de termos e conceptos que gratuitamente nos ofrece o diccionario.

Con motivo do Entroido escribín aquí sobre outras   denominacións menos usuais ou máis patrimoniais que noutrora utilizaban para denominar estes días de limiar ou introito á cuaresma na que xa estamos imbuídos.

Para min foi un descubrimento, por máis que logo souben que para outra xente -de formación máis clásica cá miña- non o era tanto, xa que logo, igual que hai especialistas noutras moitas ciencias e letrados que saben o "Aranzadi" de memoria, tamén existen verdadeiros expertos para os que o diccionario é cousa menor, sobre todo agora que o diccionario está a un só clic da pantalla do ordenador.

Incluso non hai programa de radio que se prece que non teña algunha sección na que aborde o idioma desde diversas perspectivas. Algún deles, ben interesante por certo, sobre todo aqueles que abordan e fan revivir por uns intres palabras que se atopan xa no cemiterio de transición, denantes de seren soterradas para sempre.

Nantronte -onte, para vostede- descubrín unha que me sorprendeu non ter oído nunca, cando da súa propia familia lingüística existen outras que raro  (nunca mellor dito) é o día que non a pronunciamos.

Foi a palabra "rarear". Escoiteilla a Avelino González, ó protagonista dunha obra de teatro titulada "O mel non caduca", que xunto con Mariñán Bañobre representou a compañía "Ibuprofeno Teatro" nunha pobremente poboada sala do Auditorio da capital.

Debo dicir, de paso, que a obra ben paga unha tardiña de atención porque, exenta de vistosas parafernalias escénicas centra a súa proxección na palabra interpretada, que é a esencia mesma do teatro, con tan só dous actores -actor e actriz- en contraposición reflexionando -e facendo reflexionar- arredor das relacións familiares e, polo tanto, humanas, así como arredor da cara máis inhumana do consumismo e da visión máis falaz dun capitalismo hipócrita que hai moito tempo que nos colonizou, agravado agora coas denominadas tecnoloxías da comunicación .

Non sabería traer agora a colación o contexto no que o actor pronunciou -rarear- esa palabra, pero si me quedei co seu significado, que no ámbito da agricultura ven a significar algo así como levar a cabo unha selección de unidades nunha plantación para que as que queden poidan creceren moito mellor.

Un termo positivista neste contexto, pero que semella atroz e dá arrepío só con pensar que poida ser aplicada no contexto humano como por desgracia nalgún momento da historia xa foi.

Te puede interesar