Opinión

Dicción galega

Opinión

Dicción galega

Hai días nos que un sería capaz de darlle unha "patada no cu" ó lugar no que un vive e berrar aquilo de, "menos mal que nos queda Portugal!", como refuxio moral do noso particular occidente.

Sería un hipócrita se negase esta circunstancia. E sería moito máis cómodo para min no pronunciarme de forma gratuíta, tal e como o acabo de facer. Pero tamén é certo que non sería honesto se non o fixera no contexto no que o estou colocando. Polo tanto, aí queda por escrito e que cada quen saque as conclusións que estime oportunas, sexan ou non sexan as que eu quixer.

Pero isto non me acontece só coa miña "patria primordial" -que diría o poeta- , senón tamén con Ourense e con Galicia. E mesmo co Estado que nos acolle a todos. O mesmo que leva xa uns cantos anos nos que máis que fillo, un síntese bastardo, sen saber ben o que facer.

Ora ben, do mesmo xeito que escribo isto, tamén debo escribir o contrario. É dicir, que hai outros nos que un gábase de ter nacido onde lle tocou nacer.

Hoxe -onte, para vostede- foi un deses días nos que certamente me sentín venturoso de "ser dun tempo e dunha terra", que tamén diría o poeta. Ou, escrito doutro xeito, de pertencer a unha tribo desa terra. E de contando explicareille por que.

Aconteceu no Parlamento de Galicia, no transcurso dun acto de homenaxe a aquel que soubo resumir corenta anos de ignominia en tan só catro palabras que resoan agora na nosa conciencia democrática como catro badaladas -unha por década- liberadoras de seu.

O presidente da institución, Miguel Santalices (a quen Galicia valorará na dimensión exacta soamente cando deixe de ser) promoveu unha homenaxe institucional a Celso Emilio Ferreiro, no ano no que suma outros corenta, pero neste caso sen el.

Houbo familiares, autoridades institucionais e parlamentarias, autoridades académicas -entre eles o presidente e expresidente da Real Academia na que el non foi quen de poñer nunca os pés- e representantes do seu pobo natal, Celanova, entre eles, un nutrido número de mozos e mozas que se están formando no Instituto que ten o seu nome no cartel.

Houbo tamén poemas, como doutro xeito non podía ser. Poemas lidos por esa xuventude cunha "dicción galega" (lingua proletaria do meu pobo/ eu fáloa porque si,/ porque me peta e dáme a gana...) que para eles quixeran tódolos parlamentarios dende o primeiro ó último. Unha dicción que xa forma parte da reserva lingüística da nosa terra e que por fortuna aínda se conserva intacta na mocidade de –como seguramente diría fachendoso o poeta- onde o mundo se chama Celanova.