Opinión

Dignidade

Pregunteime eu nantronte o mesmo que me preguntei o día que estiven fronte por fronte con el na Cidade da Cultura e a mesma pregunta que me asaltou no introito, a 10 mil quilómetros de distancia, cando na sede do Centro Galicia de Buenos Aires nos amosaron a copia -certamente fidedigna- que substitúe temporalmente o orixinal mentres o orixinal mantén o seu periplo expositivo por Galicia.

Estoume referindo ó cadro "A derradeira leición do mestre", que agora permanece na antiga biblioteca do Pazo Provincial para que poida ser visitado por todas aquelas persoas que o desexen, e que denantes estivo en Santiago, para finalmente ser devolto ó lugar onde foi pintado, senón -segundo din- por Castelao xa case cego, por algún copista con boa man para a paleta e o pincel, pois xa se sabe que o debuxo orixinal é realmente unha das estampas da guerra que Castelao debuxou para denunciar a barbarie cometida polo fanatismo enfermizo dos que ó final ganaron a guerra, neste caso concreto contra o seu benquerido "irmau" Alexandre Bóveda.

E estoume referindo, polo tanto, á reflexión que me provocou nantronte e mesmo hoxe o propio título da obra. A saber: "A derradeira leición do mestre".
Mentres ían sucedéndose as intervencións protocolarias da inauguración fun reparando eu en se algún deles utilizaba a palabra que para min resume tan tráxica lección e, se non me traizoa a memoria podería asegurar que, aínda que foron utilizadas palabras conceptualmente e emocionalmente moi próximas, finalmente ninguén a pronunciou, cousa que agradecín especialmente porque dese xeito non me verei na obriga de aboar simbolicamente dereitos de mención.

Cal é, pois, a lección que me imparte a min ese cadro, tan diáfano de formas no tocante ó seu contexto espacial como impactante na súa mensaxe final?
Pois ben, se algunha palabra abrollou arredor de min cando tiven oportunidade de contemplalo as tres veces, esta foi: Dignidade.
E digo dignidade, porque manter a dignidade nas horas transcendentes do ser humano, ten custes. Custes tan caros como perder a propia vida.
Velaí o que nos amosa o corpo inerte do profesor fronte á dor silandeira e inexplicable, pero gravemente punzante que a carón sofren os seus alumnos.
Sen chegar ós extremos execrables do asasinato de Alexandre Bóveda e de tantos outros (preguemos como saibamos para que aqueles tempos non volvan), é certo que o tránsito colócanos de cando en vez, independentemente da nosa condición como seres humanos, fronte a escenarios que nos amosan os límites. Límites, poño por caso, sen ir máis lonxe, da vida cotián.

Pois ben, neses intres que non teñen retorno, coido que non pode haber máis lección cá que nos amosa o mestre: A de manter a dignidade. Malia que teñan consecuencias.

Te puede interesar