Opinión

Do "plan bulleiro" ó "proxecto febra"

Non é cousa miña. Díxoo o alcalde de Cartelle, Jaime Sousa, nunha entrevista, esta mesma semana e neste mesmo xornal.

Para ser máis exactos na exposición, o veterano aínda que novo político cartellao pronunciou a seguinte e certeira sentencia sobre o futuro que desexa para os habitantes do seu municipio: "A urxencia máis grande é dotar de internet a tódolos pobos. A fibra óptica é importantísima. Da mesma maneira que cando empezamos no ano 1987 a xente pedía alumeado público, formigón, melloras de accesos... agora a xente quere internet, incluso os avós para falar cos netos."

Se vostede non é un serodio seguidor da política local ourensá é posible que descoñeza que ó longo dos anos 80 e 90 (primeiro con Victorino Núñez como mentor e logo con José Luís Baltar como continuador), a Deputación provincial puxo en marcha un proxecto de saneamento do medio rural da provincia que baixo a denominación de Plan Bulleiro ("masa que se forma ao mesturarse auga con terra, follas, etc.", di o dicionario da Rag), tratou de dotar a multitude de aldeas dos 92 municipios ourensáns dos servizos públicos necesarios para que os seus habitantes abandonasen definitivamente -dous milenios despois- o sistema de vida castrexo e comezasen a residiren acompañados de auga corrente e unha mínima dotación de servizos sanitarios no interior das súas casas, así como rodeados dunha axeitada rede saneamento e depuración, ademais de pistas e camiños de intercomunicación entre as propias aldeas e as súas casas, polas que puidesen circularen os coches e mesmo os seus habitantes sen teren que calzaren chancas ou botas de goma durante as catro estacións.

En resumo, poderiamos deducir que o Plan Bulleiro foi, para as nosas aldeas, algo así como a segunda revolución social (a primeira foi a da emigración), que axudou a elevar exponencialmente as ratios de calidade de vida nelas, malia que por desgracia iso non fora quen de lle poñer couto ó éxodo e ó consecuente avellentamento desas poboacións pouco a pouco modernizadas.

Agora, con moi bo criterio e altas doses de pragmatismo, Sousa Seara pon o dardo na diana de vez e propón que ó estilo do vello Plan Bulleiro se poña a andar xa un "Proxecto Febra" que nos permita contar a todos cantos moramos fóra dos núcleos urbanos cunha comunicación, no seu momento 5G, á altura de calquera cidade galega ou española, de forma que vivir na aldea se converta nunha elección entre iguais e non nun exercicio heroico de resistencia, que é cara onde ten evolucionado tal decisión.

Dáme reparo desdicir ó señor presidente da Xunta -que ten mellores asesores ca min-, pero sinceramente creo que na proposta do seu alcalde hai máis coherencia e mensaxe de futuro ca nunha simple tarxeta de benvida, por moi fermoso que sexa a caixiña na que esta vai ser entregada. Niso e –non me cansarei de repetilo- nunha rede de transporte que, postos a bautizar, eu chamaríalle “Proxecto arañeira”.

Te puede interesar