Opinión

Dous leonciños sedentes

Andaba eu a repasar na rede a prensa do día, tanto a nacional coma a autonómica, cando atopei unha información que reclamou a miña atención, non tanto pola información de seu -que tamén- canto por algún detalle rexistrado na fotografía que a ilustraba.

A nova era, loxicamente, de actualidade. Mellor dito, da actualidade máis endiañada e do ámbito da crónica de sucesos, que agora vai mesturada coa crónica rosa e mesmo coas columnas e espazos de opinión sobre a grella televisiva.

Disque -e de supoñer que por mor dalgúns negocios máis ou menos mal pechados- uns fulanos decidiron entrar na casa dun dos protagonistas da serie de televisión máis afamada nestes intres para os galegos, como é "Fariña", e seica lle deron unha malleira ó máis puro estilo cinematográfico os maltratados fillos do vello escachanoces alcumado Charlín.

Non me detiven moito na letra pequena da noticia, pero si acendeu a miña fotocélula de alerta informativa -como digo- a foto que acompañaba a información, na que se vía a entrada -nada ostentosa por certo- da vivenda dos agora protagonistas mediáticos dunha etapa tan escura violenta e tráxica da historia de Galicia.

Se non reparou nela, convídoo a que o faga. Nela vese un pequeno tellado a modo de arco rectangular que circunda a dobre porta de acceso da finca e a carón das dúas bases do arco dous pequenos leóns -un tanto horteras- de color amarelo, coa base verde e pisando ámbolos dous en simetría, senllas bolas brancas, remedando os leóns do Congreso, onde todo o mundo anda estes días coas gomas "milán" que tanto servizo nos fixeron na escola, metidas no peto por se no "curriculum vitae" lles quedou unha coma de máis.

Non me crerá, pero tan pronto observei os dous remedos de leonciños "coidando" do casal da familia Charlín fixen abstración e quixen ir ó momento xusto no que o propietario do predio pensou con que adornar a entrada da súa finca e chegou á conclusión de que os obxectos que mellor podían campar alí eran os leóns do Congreso.

Que efecto pretendería conseguir con tan leoninos adovíos entre a súa veciñanza, foi outra das cuestións que invadiron a miña curiosidade, sen ser quen, ó mesmo tempo, de darlle unha resposta lóxica. Entre outras cousas porque me dá que ese tipo de adquisicións responden máis a impulsos visuais compulsivos e á fortuna de contar coa carteira surtida para mercalos aínda que non sirvan para nada, que a unha cuestión de complexo e profundo pensamento racionalista ateigado de mensaxes subliminais para todo aquel que os poida ver cando pasa diante da porta.

En fin... Que a política está tan devaluada que ata un narco se sente congresista con so instalar dous leonciños sedentes á porta do seu casal.

Te puede interesar