Opinión

Dúas eivas do Xacobeo

Leo que o presidente da Xunta fixo propósito onte, no transcurso da feira internacional de turismo de Madrid, para que Galicia poida celebrar no ano 2021 "o mellor Xacobeo da historia".

Debullou varias liñas de traballo que está a definir a Consellería do ramo (é dicir, a de Cultura e Turismo, que por fin camiñan en comandita), e fixo dúas declaracións que teñen que ver con outras tantas eivas que para min ten o camiño e que por máis que lle dou voltas e reviravoltas, non dou entendido.
Unha ten un carácter máis local e vai inserida a unha teima que por veces se converte case nunha ofuscación ou, mellor dito, nunha frustración pola implicación persoal que dende os anos 90 teño con ela.

A segunda é de carácter máis xeral e aínda que nestes intres non é de doada execución pola evolución urbanística de Compostela, creo que aínda pode ter solución pola dimensión simbólica que a mesma podería ter se é que as administracións fosen quen de levala a cabo.

Respecto da primeira, asegurou o presidente que dende o goberno galego quérennos animar a todos a que poñamos a traballar a nosa imaxinación para que dun xeito social e xeográfico diverso, na medida do posible todos programemos o noso propio Xacobeo. E para iso manteñen aberto un prazo de solicitude de axudas públicas (aínda que con orzamento mirrado, é certo) baixo o epígrafe de "O teu Xacobeo".

Cousa que me permíteme dicirlle ó señor presidente (que, ademais, hoxe anda pola miña vila) que eu -polo menos- non entendo como se pode conxugar esa apertura de man tan xenerosa con que os habitantes das Terras de Celanova e da Baixa Limia levemos dende o Xacobeo do ano 1993 reclamando que o milenario tramo de camiño entre Braga e Ourense sexa considerado oficialmente un ramal do Camiño Portugués, sen que ninguén, absolutamente ninguén, -e xa teñen pasado uns cantos á fronte da Consellería de Cultura e dos distintos departamentos do Xacobeo- nos faga o máis mínimo caso.

E respecto da segunda, afirmou tamén o presidente, que están "a traballar no acondicionamento dos Camiños que levan a Compostela, dotándoos con máis servizos e facéndoos máis accesibles, convencidos de que as rutas xacobeas son unha experiencia para todos, na que non exista ningún tipo de barreira”.
Pois ben, benquerido presidente, será que son un pouco duro de molleira, pero nunca logrei entender como pode ser que despois de se achegaren de tódolos recantos do mundo e de andaren a pé, da cabalo ou no que sexa, máis de 700 quilómetros, ó entraren na cidade de Santiago os peregrinos non contan cunha pasarela ou algo semellante -a xeito de alfombra vermella-, que lles dea facilite os derradeiros pasos e lles dea preferencia para pousaren os seus osos cansos ó pé do pórtico onde recibiren a Compostela.

Te puede interesar