Opinión

Dúas frautas

Leo na prensa do día a noticia da súa marcha e venme á memoria un concerto de adolescencia que me deixou realmente impresionado.

Foi no que os celanovenses lle chamabamos -cando existía-, o Cine de don Félix, que era o párroco daquela. É dicir, o cine parroquial, cuxo espazo se conserva hoxe en precario nunha zona valeira do edificio monacal da miña vila.

Se a memoria non me falla, viña a ser, aquel, unha especie de concerto de presentación dun home con "perilla" que se viña ou que acababa de se facer cargo da dirección da Banda de música de Celanova.

Era un concerto de piano e frauta, que nun momento pasou a ser de frauta só e que nos tiña a tódolos asistentes, coma quen di pampos, pola súa calidade executora. E debo dicir, de paso, que naquela época funcionaba en Celanova unha sociedade filharmónica que organizou algúns concertos de nivel internacional, ben meritorios por certo e ós que hoxe en día dificilmente podemos ter acceso, polo custe económico que suporían.

Ben é certo que dende hai cinco anos, ó longo dunha semana no verán temos a fortuna de que os compoñentes do grupo de música de vento metal "Hércules Brass" nos organicen un luxo de semana musical que para elas quixeran cidades de moito máis peso social cá vila de Celanova.

Pero, volvo ó concerto de frauta aquel, porque se só con unha frauta, o novo director da banda de música de Celanova xa nos tiña sorprendidos, o éxtase chegou cando de súpeto meteu no bico dúas pequenas chirimías e se puxo a interpretar -a dúas mans, nunca mellor dito- unha peza que non lembro, pero que, como deixo indicado máis arriba, fíxonos abrir os ollos e as orellas coma pratos.

Proba de que iso foi así, é, precisamente, o feito de que logo de tantos anos (Aquilo debeu ter lugar no ano 1976 ou 77) aínda hoxe manteña acesa aquela interpretación na miña memoria.

Logo volvería pola vila e ofrecería algún concerto máis, deixando constancia do bo músico -un pouco excéntrico, como debe ser- que era.

Levaba por nome artístico Miguel de Santiago e aínda que era -seica- natural das terras de Arousa, a súa vida musical comezou ligada á cidade compostelá en cuxa banda municipal exerceu a dirección durante un tempo.

É posible que a vostede -se non é especialmente melómano, poida que non lle diga nada tal tome. Sen embargo, para os veciños de Celanova que xa imos tendo unha idade e, polo tanto, algo de memoria histórica, dalgún xeito debería estar nun pedestal, pois gracias a el a banda de música celanovesa ten gravada na súa historia un concerto singular en Televisión Española, nun programa que se titulaba "300 millones" e que a través de José María Íñigo chegaba a toda Hispanoamérica.

Te puede interesar