Opinión

Dúas novas que se solapan

Hoxe quero facer referencia a dúas noticias que se solapan e que, por causas ben distintas, foron portada esta fin de semana.

A primeira delas ten que ver coa ampla entrevista que este mesmo xornal publicou o domingo do presidente da maior empresa agrogandeira da nosa provincia e unha das máis importantes do seu sector en España, é dicir, Manuel Gómez Franqueira, do grupo Coren. Mentres que a segunda -como triste contrapunto- está relacionada co pavoroso incendio que nestes calurosos estertores agosteños asolaron máis de 3 mil hectáreas de monte e mesmo algúns bens patrimoniais, na serra do Larouco.

Ten que ver coa primeira, porque ó lela, se un tenta facer un resumo apurado de todo canto apunta e mesmo explicita o fillo do lembrado Elogio Gómez Franqueira, colla por onde colla as súas palabras todo conduce a unha conclusión clara e contundente, é dicir, a que se se quere e se cre no potencial de Ourense, pódense acometer proxectos de futuro que nos afasten do marasmo e do estado permanente de inanición no que leva décadas esmirriada esta provincia.

E poño por caso. Hai uns días tiven o pracer de coñecer persoalmente a un home dos vales do Ribeiro que pola súa banda tivo a fortuna de colaborar cando era novo co vello Franqueira e no transcurso da conversa, como non podía ser doutro xeito o tema derivou cara as posibles solucións que poden facer que Ourense deixe de ser un cíclico braseiro estival que de cando en vez se transforma nun inferno e ameaza con engulir calquera día unha aldea completa, momento no que todos -políticos, institucións, parroquianos e incendiarios- acabaremos botando as mans á cabeza e turrarémosnos dos pelos laiándonos, cando xa non haxa remedio, do deus nos libre dun xa foi.

"Sabes cantas vacas de leite había en Ourense no ano 1977?", preguntoume o meu interlocutor ribeirao no transcurso da conversa. E sen deixarme aventurar, sequera, unha cifra aproximada, el mesmo ma contestou: "170.000". "E as primeiras que viñeron de Estados Unidos levámolas para a comarca de Celanova".

Hoxe, por manter ese mesmo exemplo, salvando media ducia de explotacións industrializadas, se nos oito concellos da comarca hai dúas ducias por municipio sería case para darlle un premio ó que as contou.

E deste xeito é como chego ó incendio de Cualedro e, unha vez máis, a pregunta do millón. E non do millón de vacas, que escribiu Manolo Rivas, senón ó millón de euros que habería que darlle ó que fose quen de contestar con criterio a por qué arden os montes.

Pois arden, simplemente porque non hai vacas, mentres as rubias galegas adornan coas súas redondas figuras as abas dos montes de Cantabria, onde, que eu saiba, só se contabilizou un incendio de importancia en todo este verán que a nós nos arrasou.

Te puede interesar