Opinión

E Ourense que..?

Que os resultados dos pasados comicios electorais deixaron unha manchea de lecturas sobre a nosa deriva social -non sei se cara un valado ou cara o precipicio-, é unha evidencia que, coma sempre dende hai unha década, neste intre permanecen completamente ocultas debido o cansino e por eles autotitulado problema ou conflicto catalán.

Unha das principais é o da atomización ou acantonamento do voto, facendo que nestes intres haxa máis dunha vintena de formacións con representación popular no hemiciclo da Carreira de San Jerónimo. Algo que, nun principio, nin está ben nin está mal, senón todo o contrario, pero que, se as maiorías xa estaban difíciles de conseguir, agora converten esa cuestión nun imposible metafísico.

Nesa dinámica de abroiamento de formacións digamos minoritarias ou territoriais, chamou a atención a emerxencia da plataforma cidadá "Teruel también existe", transformada no seu momento en formación electoral, así como o éxito dos seus resulados que lle teñen concedido a posibilidade de negociar directamente melloras directas para a súa provincia cos que van ter a posibilidade de asinar plans e proxectos.

Ó rebufo -e sen obviar tamén o éxito do Partido Regionalísta Cántabro co inefable presidente Revilla á fronte- nace agora o movemento por Cuenca, promovido neste caso por profesionais orixinarios desa provincia -residentes ou non nela-, no que reivindican unha ollada con discriminación positiva e incremento real nos investimentos co fin de frear a sangría que esa provincia está sufrindo, a carón mesmo da macro-urbe madrileña.

E Ourense que..? Ocórreseme preguntar a min. Aínda que podería facelo tamén dun xeito máis inclusivo e engadirlle á nosa provincia, as provincias de Zamora, Ávila, Soria, Guadalajara, Palencia, Cáceres, Badajoz, Albacete... É dicir, non a España vaciada, senón a España ignorada. Esa España que a forza de ser ignorada, vaise suicidando ela soa.

Deberiamos, entón, promover un movemento conxunto das provincias ignoradas contra as que non só consumen a inmensa maioría dos recursos públicos, senón que nin así están contentas con elo?

Se cadra...

E fago esta pregunta por unha cuestión moi sinxela. Unha cuestión que ten resposta na propia conclusión da resposta á pregunta derradeira:

Con quen considera vostede que temos máis problemas comúns, con Zamora ou con Pontevedra?

Pois veña...! Unha posible denominación achégoa eu de forma gratuíta: “A España ignorada” levanta a voz para ser oída!

Te puede interesar