Opinión

... e por qué non?

Logo de ter visto, lido e escoitado ó longo dos últimos anos unha manchea de veleidades populistas chegadas fundamentalmente das distintas cabezas pensantes da cúpula patriótica -é unha palabra que lles gusta- de Podemos, nantronte pola noite lin unha proposta que non me deixou indiferente, pero neste caso dende unha perspectiva positiva.

Colocados en ringleira, non me chegaría esta columna para apuntar en linguaxe telegráfica unha selección das que ten expulsado con linguaxe corporal transcendente o seu "macho alfa", canto máis se detrás del coloco, sen ir máis lonxe a Errejón e Echenique, cuxa “boutade” última do primeiro dos dous aínda está quente coma o pan recén sacado do forno, cando dixo que en Venezuela a xente tiña sorte porque comía tres veces ó día.

Pero, vaiamos pola vía positiva.

Acabo de ler que os representantes da devandita formación no Senado presentaron unha moción que ten como obxectivo conseguir que tódolos escolares das 17 Comunidades poidan ter acceso ó coñecemento das tres linguas oficiais, ademais, evidentemente, do castelán. É dicir, o galego, o catalán e o euskera. E incluso máis, que a televisión pública -eu engadiría que tódalas televisións públicas- cheguen a emitiren películas en versión orixinal, neste caso nos catro idiomas. Ou sexa -e iso, se non está inserido na moción, colócoo eu como achega desinteresada-, contemplando tamén que as televisións autonómicas que aínda non o fan, emitan, en xusta correspondencia, películas en castelán.

Non sei se isto último será, nalgunhas delas, bastante máis difícil de conseguir cá proposta inicial de Podemos.

Sexa como for e tendo en conta o principio educativo elemental de que os escolares na súa fase inicial son unhas verdadeiras esponxa, fachendéome eu de que hai ben anos que dende este mesmo espazo xornalístico veño eu repetindo con xa cansina frecuencia, que é moi posible que hoxe non estariamos no estado de crispación sociopolitica no que vivimos se dende que se instaurou o sistema do Estado das Autonomías, esta práctica de facilitar o coñecemento mutuo das nosas linguas tivese sido lexislado axeitadamente na correspondente lei educativa amparada por un gran pacto de Estado.

Se un neno ou unha nena de Extremadura pode estudar os alicerces estilísticos da catedral de Santiago e o itinerario cultural que dende o centro de Europa o pode levar ata Compostela, por que -pregunto- non vai poder adquirir un coñecemento elemental do noso idioma, de forma que non se teña por que sentir estranxeiro cando escoite falar pola rúa o idioma natural da nosa terra?

Evidentemente non ten por que doutorarse en Rosalía, pero si sentir preto os seus poemas.

Parabéns, pois, para Podemos desta volta e benvidos ó espazo común dos que cremos, non na España diferente, senón na España diversa.

Te puede interesar