Opinión

Elisa, Isabel e Marcela

Malia que tiña asistido a diversas sesións  de rodaxe dalgunhas películas (incluso da man de José Sousa tiven ocasión de estar nunha en Caracas), nunca gozara da oportunidade de estar tan presente por tras da cámara nunha como me aconteceu nas sesións de rodaxe da película de Isabel Coixet, "Elisa y Marcela", que dende a fin de semana pode ser visionada nos cines comerciais de Ourense denantes de ser trasladada á plataforma internacional Netflix.

Escribo este introito porque, cando un presencia os escenarios, as escenas e caras coñecidas como figurantes, para os que somos profanos nas entrañas da industria cinematográfica non resulta nada doado ir ver logo a película sen ser traizoado por esa visión omnipresente que pode facer caer a un na visión do detalle, na procura do figurante ou en calquera outro detalle dos puntos de fuga da imaxe e acabar perdendo, en consecuencia, o fío argumental e outros moitos aspectos do conxunto da filmación.

Con esta predisposición á abstracción, para que nada extemporáneo influíra en min á hora de, simplemente, ir ver a película, foi como me dirixín o pasado sábado pola noite ós cines do centro comercial da Ponte Vella co fin de saciar a curiosidade longamente alimentada dende hai practicamente un ano.

Pode crerme, benquerido lector, que o conseguín porque, tanto o guión argumental coma a beleza das imaxes recreadas por Isabel Coixet pronto convocaron á maxia das salas escuras e me introduciron de contado na historia fermosa e ó mesmo tempo tráxica destas dúas galegas que se atreveron a desafiar a orde social legalmente establecida, non só en Galicia, senón tamén en Portugal e Arxentina.

Reproduzo aquí unhas palabras que lle escribín a un amigo que sabe do audiovisual o que non está nas escrituras, porque resumen todo o que podo escribir -eu no son crítico de cine- sobre unha producción que vai colocar a esta provincia en millóns de fogares do mundo:

"Encantoume Elisa e Marcela. E non por influencias dos escenarios nin doutros aspectos persoais que me afectan. É certo que hai recreación nos tempos e nos planos, pero e a súa maneira (a de Isabel Coixet) de contar historias. A primeira parte, a do inicio da relación das protagonistas, paréceme un poema visual en toda regra. A parte de Portugal ten algún toque de humor necesario. E a historia no seu conxunto está contada con moita delicadeza e moito repecto. Gustei especialmente da interpretación de Marcela, dos primeirísimos planos e da fotografía en toda a obra. Hai planos tan traballados e tan ben conseguidos, que mesmo parecen bodegóns humanos".

Se aínda lle dá tempo, non dubide en ila ver ó cine. A escuridade é un cómplice imprescindible para poder recrearse na poesía.

Te puede interesar