Opinión

Un encontro na encrucillada

No ano 2008, Celanova, e por extensión Galicia, conmemorou o primeiro centenario do pasamento de Manuel Curros Enríquez, acontecido un caribeño día do mes de marzo na quinta da saúde do Centro Asturiano de Cuba, por non ter querido ser atendido na Sociedade Benéfica da colectividade galega da Habana. Aquela que tanto lle dera como despois lle quitara, cravándolle sen piedade unha espiña que el mesmo arrincou perante todos con rexas e sentidas palabras que aínda hoxe resoan nas paredes daquel maxestoso edificio que foi o Centro Galego da Habana.

Con tan senlleiro motivo, propúxenlle a María do Ceo que traballara a composición dun disco que lle dese acento arraiano ós poetas de Celanova, comezando loxicamente polo propio Curros Enríquez e rematando por algunhas voces contemporáneas ligadas nón só á Terra de Celanova, se non tamén á súa bisbarra.

Foi así como os camiños que por veces levan a un cara ningures ou a cada quen ó seu destino sen se cruzaren con nada, deron cabo dun acougo nunha encrucillada e fixeron posible que os pasos de María do Ceo, que traían con ela cantos das vereas da raia e os de Armando González, que levaban anos pisando follas poéticas polas congostras da comarca, se atoparan e conxeniaran de contado, confluíndo nun fermoso fado-tango titulado Escravitude que se fixo música no devandito disto "No bico un cantar".

A experiencia foi tan froitífera que ámbolos dous decidiron xuntaren as súas alforxas artísticas e, seguindo o consello do vello e admirado poeta, iniciaron unha xeira xuntos co único obxectivo dual de "facer camiño ó andar". El botando man de vellas letras e creando composicións poéticas novas e ela moldeando a súa sonoridade paseniño, chegando a crearen así himnos, bandas sonoras para cine, cantigas de berce e mesmo composicións propias da música popular que xa forman parte do patrimonio musical ourensán.

Onte vin nas redes que o libro que recolle todas esas letras musicadas a outras moitas en forma de "Escolma imposible (e incorrecta)" de Armando, anda no top de recomendacións das librerías compostelás e lembrei que lles debía eu tamén a eles unhas letras, por moitas razóns, pero sobre todo pola admiración e o efecto que lles profeso a ambos no mellor de tódolos sentidos que se poden dar, que é o da relación persoal.

Quede patente, pois, a miña ledicia por ter sido quen de provocar aquel  primeiro encontro na encrucillada que fixo posible que as letras de Armando as teña transformado María do Ceo “no bico un cantar”.

Te puede interesar