Opinión

Enerxía positiva

Hoxe -onte para vostede- asistín á rolda de prensa que o gaiteiro "ourensán" Carlos Núñez (creo que cada vez debemos reivindicar con máis intensidade e afecto a súa ourensanía) ofreceu, xunto co presidente da Deputación, para dar a coñecer a terceira xira de concertos polos "lugares máxicos" da provincia de Ourense, e máis que asistirmos a unha rolda de prensa, creo todos cantos nos demos cita alí saímos convencidos de termos presenciado unha sesión auto convencemento colectivo sobre a enerxía positiva coa que debemos canalizarmos o noso futuro.

Carlos falou de música. Falou dende a perspectiva da música e o patrimonio e deixounos claro, coa súa expresividade tan propia e tan identificativa da súa posta en escena, que Ourense non ten nada que lle envexar a ningún outro sitio do mundo e que só tendo conciencia diso poderemos mirarmos cara adiante con garantías de futuro.

"A semana pasada -dixo- estivemos en Pedralbes, en Barcelona, tamén en Madrid, celebrando cos meus mestres dos Chieftains os 30 anos tocando xuntos. E a verdade é que volvín dende Madrid cunha sensación moi curiosa: A xuventude madrileña está cambiando. A xuventude, alí, xa empeza a estar de volta dos escaparates e das marcas, así como da seducción da gran cidade.

Que queren os xoves madrileños? Pois, pódese ver un domingo pola mañá en calquera recanto da cidade. Están facendo romarías, si, en Madrid, alí debaixo das árbores, comendo productos rexionais. Están preparados para algo que Galicia podería liderar en toda España. E en concreto Ourense. Estou convencido de que Ourense podería ser cultura da Toscana ou a cultura provenzal do noso país. Temos unha gran oportunidade por diante. Creo que se está producindo un cambio e precisamos que Galicia estea á altura porque temos moitos tesouros que ofrecer."

Pero non o dixo por que si, senón con argumentos: "Tesouro número 1, un patrimonio incrible. Tesouro número 2, que as nosas tradicións seguen vivas".

Veu a anunciar catro concertos, pero tivo tempo de informarnos de que malia a sermos o "paradigma da España abandonada", na xira do ano pasado os ourensáns e aqueles que nos visitan enchemos nos seus concertos pola provincia o equivalente a tres auditorios do Mar de Vigo. Aí é nada!

E iso é porque "porque hai vida, claro que hai vida! Como tamén hai outros xeitos de levar a música a todos eses lugares, para que as xentes a coñezan e a descubran como unha verdadeira experiencia".

Querido Carlos, moitas gracias. Gracias pola túa música e por inocularnos coas túas palabras ese "chute" de enerxía positiva que tanto precisamos os que moramos "na España vacía". Enerxía que soborda cando un celanovés coma min escoita algo así como: "Celanova é como estar en Viena!”.

Te puede interesar