Opinión

¡Éramos felices...!

Leo, releo, vexo e escoito novas e opinións arredor da odisea inmobiliaria dese mozo madrileño que formaba parte dun colectivo denominado "Juventud sin futuro" e que, cando aínda non tiña idade para, noutrora ter ido á mili, recibiu un crédito bancario por unha cantidade substanciosa para mercar un piso de protección oficial e logo desfacerse del cunha non menos substanciosa plusvalía, e pídeme o corpo reflexionar sobre o positivo e o negativo, sobre o correcto e o incorrecto, sobre o legal e o ilegal e, sobre tódalas cousas, arredor da ética e das estética, da moral e da inmoral, principios do "yin" e do "yang" entre os que se move a nosa conciencia de seres pensantes no día a día.

Leo, releo, vexo e escoito reaccións a favor e en contra do devandito mozo -agora xa un pouco máis adulto e cun presente non tan escuro como maliciaba o colectivo do que formaba parte- e sen meterme en profundidades que debaten sobre a casuística, xa sexa para atacalo como para desculpar a súa tan pretendidamente inocente como proveitosa metedura de pata, e pídeme o corpo pensar naquel vello adaxio que tradicionalmente se lle aplicaba ós curas e a través do que lle recomendaban á plebe, "fai o que eu digo, pero non fagas o que eu fago".

Leo, releo, vexo e escoito todo iso e alén da circunstancia puntual que tan malos tragos lle está facendo pasar ó agora parlamentario e senador (dous cargos que o 99% da poboación española xamais será quen de ostentar nunca), e tan espiñento asunto lévame a facer un reconto de tódolos pequenos charcos nos que el e os seus compañeiros de formación política teñen enzoufado os zapatos nos últimos meses, así como  a analizar, de contado, as súas reaccións de defensa numantina fronte as lanzas ardentes que lles chegan polos catro puntos cardinais, así como os discursos elaborados -propios de argumentario oficial- que lles serven de escudos e inevitablemente comparo eses discursos con outros elaborados noutros países do mundo e xérame preocupación a semellanza argumental utilizada en ambos casos, así como o desprezo que os mesmos revelan cara a opinión pública e matino preocupado, entón, nunha soa cousa: Se esta superioridade moral que desvelan é exercida con tan pouco tempo de paso pola vida pública e dende unha posición de preeminencia relativa, por estaren na oposición, que non farían se estivesen no goberno.

Se todo iso se coroa cunha sentencia lapidaria pronunciada a pasada semana polo seu líder mediático -non nunha taberna, senón en sesión parlamentaria-, coa que veu a dicir algo así como "me debo al honor de mi patria y no al Parlamento", entón repenica coma unha badalada de arrebato en min outra sentencia antagónica que hai tempo que acostuman a repetir en Venezuela: "¡Éramos felices y no lo sabíamos!"

Te puede interesar