Opinión

A España vaciada e a España privilexiada

Amedida que pasan os días non fago outra cousa ca ver cruzar por diante miña unha morea sen fin de contradicións vestidas de silencio.

Contradicións adornadas de humor, outras envoltas en sesudas reflexións que nos amosan o camiño do futuro que nos agarda, bastantes acompañadas dalgunhas doses de homenaxe e emocións a prol dos que están termando do muro, e, polo de agora e por fortuna as menos, outras cargadas con munición de desacougo, carraxe ou irritación.

Hai unhas xornadas -arestora xa perdín a conta- chegáronme, por ese fío que nos conecta agora co noso entorno máis afectivo e que se chama whatsapp (non sei como foron capaces de superar o andazo os da gripe de hai 102 anos!), unhas cantas fotos do corazón urbano de Madrid (da améndoa, na xerga cidadá) que certamente impresionan.

Fotos da Porta do Sol, de Callao e da Gran Vía, de Cibeles, da Praza de España ou da Castellana, sen vida, sen a máis mínima vida que se intúa ter movido denantes e despois da instantánea. Fotos que me levaron a ver -agora si- a auténtica "España vaciada".

Teño escrito outras veces que nunca foi da miña preferencia ese concepto para describir ou identificar á España despoboada -á España rural, vaia-, e contemplando de vagar esas fotografías non fago máis ca ratificarme nos argumentos porque a auténtica “España vaciada” é precisamente esta que estamos a vivir. Todos, si. Pero, dun xeito especialmente gravoso para a súa integridade anímica, aqueles que moran nas macro urbes, onde as posibilidades de contaxio son infinitamente maiores e o illamento domiciliario infinitamente máis demoledor.

Aproveitando o paseo vespertino co Quino (é o meu can) polos arrabaldos da aldea, falaba nantronte cunha veciña que estaba entreñendo o corpo ó sol no eixido, sobre o único do que toca falar esta tempada e, con bo criterio, soltoume unha sentencia que paga a pena reproducir: "Se nós protestamos, pecamos!"

E canto de certo ten o adaxio, pois, de súpeto, os que vivimos na aldea, os que contamos cun patio ou unha hortiña a carón do casal e que ata o de agora eramos os candidatos permanentes ó esmorecemento por inanición, resulta que agora somos os auténticos privilexiados desta situación insólita.

Velaí outro elemento para a reflexión futura que haberá que facer cando pase a treboada: Onde é que vive -permítame a redundancia- e a calidade de vida? Na cosmopolita améndoa de Madrid ou nunha aldeíña calquera da -hoxe chamémoslle así- España privilexiada?

Te puede interesar