Opinión

Espazos e necesidades

Vaian por diante dúas cousas. Non teño nada contra os arquitectos, cuxa profesión me parece admirable e ademais teño algúns amigos ben bos, tanto no papel de amigos, como na súa profesión de arquitectos. E moito menos teño, loxicamente, contra os que deseñaron o edificio que me leva hoxe a coller a parte polo todo e facer unha reflexión xenérica sobre os múltiples defectos cos que adoitan naceren moitos edificios públicos, por culpa, a miúdo, non só dos arquitectos.

Hai, por unha banda, un -digamos- sector de edificios que nacen para unha cousa, sofren un longo proceso de obra e logo, cando van ser inaugurados, resulta que aquela función iniciática xa non ten razón de ser e entón son reutilizados para outra. Este sector daría para un simposio que, evidentemente, non cabe nesta columna.

Outra cousa ben diferente son aqueloutros que nacen dun concurso público para unha función ben concreta e que, polo tanto, deberían seren feitos como son feitos os traxes á medida, é dicir, axustando os espazos ás necesidades de uso que previamente alguén con coñecemento de causa lles debería explicar ós redactores.

Pero, a miúdo, cando a administración propón un concurso público, xa está xerando de raíz o primeiro problema porque é moi difícil que tódolos concursantes poidan teren reunións con tódolos ámbitos directamente afectados pola obra, polo que normalmente adoita dárselle valor á singularidade da obra, é dicir, á espectacularidade do continente, e non á funcionalidade do contido.

Só así se entende, por exemplo, que un edificio con clara vocación administrativa, como é un edificio que vai ser destinado a xulgado, -coa importancia que ten a luz natural para a vida administrativa- sexa envolto por unha malla metálica coma a que recubre o novo pazo da Xustiza, que máis semella unha monumental celda -ou se vostede o prefire unha paralelepípeda colmea- ca unha cámara aberta onde a luz natural da xustiza alumee a unha sociedade desorientada como é esta.

Como pode ter comprobado, estou emitindo unha opinión externa porque polo de agora non tiven oportunidade de acceder ó seu interior, pero abonda coas novas que onte, nantronte e denantes de nantronte o día anterior, teñen ido reproduncindo os medios de comunicación facéndose eco do malestar dos funcionarios de tódalas escalas xudicias e mesmo dos usuarios que pasan á sección de sucesos como víctimas propiciatorias dalgunhas "trampantoxos" vi- suais que seica se dan nunha rampla.

E digo eu, non tería sido moito máis lóxico, ter feito todas esas consultas e escritos que seica se van tramitar agora, denantes de que se empezase a obra? 

Te puede interesar