Opinión

Por que están soterrados os castros?

Nunca llo preguntei a ningún arqueólogo, así directamente, e iso que coñezo a uns cantos. Sen embargo, por máis que saiba iso da erosión terrea e pétrea dos montes, que se van suavizando a medida que van cumprindo séculos, si que me teño preguntado con certa frecuencia sobre cal é o efecto máis directo que fai que os castros ou outros xacementos arqueolóxicos estean sempre soterrados.

E a resposta que máis se me aproxima á lóxica e que todo o proceso de descomposición -primeiro- das edificacións e logo da cobertura dos seus cascallos é un proceso moi lento, practicamente imperceptible, que vai acontecendo inverno tras inverno. Primeiro cae unha tella. Detrás desa tella cae outra. Por eses buratos comeza a filtrarse a auga. As trabes que sosteñen o teito comezan a mollarse e a podrecer ata que nun momento dado son vencidas polo peso das outras tellas. Xa temos a casa no chan, aínda que para que acontecese iso tiveran que pasar, se cadra, moitas décadas. E iso sen contar coa acción depredadora do home.

Paralelamente, cada cando un temporal vai minando o cumio e arrastrando as pequenas pedras e a terra pola faldra embaixo da montaña, freándose en cada parede de cada casa e acumulándose pola parte máis alta ata que acaba cubrindo os muros e despois dos muros o cascallo que queda no interior da vivenda. Velaí que rápido o relatei, malia que na realidade teña sido un efecto que precisou do transcurso de varios séculos.

Así ven sendo como a historia lle pon fin a unha civilización por máis que a carón, no caso dos castros ó pé das terras de labor, fose aparecendo outra, que é a Galicia das aldeas, da que nós formamos parte.

Fago este símil arqueolóxico, logo de ter visto a información do "desmantelamento" da unidade de partos do hospital de Verín.

E vostede preguntará que demos terá que ver o touciño coa velocidade ou a erosión dos montes dos castros co peche da sala de partos dun hospital.

Pois si que ten, porque salvando a distancia do tempo, o que lle está acontecendo ós servizos do medio rural galego ven a ser o mesmo, pero dun xeito acelerado, có que lle aconteceu ós nosos devanceiros.

Primeiro, a xente marcha para a capital, logo os servizos deixan de seren rendibles e van pechando pouco a pouco, o que fai que a pouca xente que vai quedando vaia marchando tamén a pasos axigantados, convertendo así o noso medio nunha espiral cada vez máis alarmantemente desértica.

Mentres, os que toman as decisións nas Institucións xuran e perxuran que van facer do rural un novo paraíso, vivindo comodamente nunha urbanización privada de calquera moderno extrarradio capitalino.

Te puede interesar