Opinión

Estimado Sr. Amancio

Sei que no mes de agosto do ano pasado andou polas terras altas de Avión, por convite doutro galego acaudalado -neste caso ourensán-, pero descoñezo, loxicamente, se ó longo da súa xa dilatada vida ten andado con frecuencia por outras estradas secundarias desta provincia de interior.

Sexa como for, se por un casual esta carta aberta chega ó seu buzón tamén lle digo que dou por suposto que si. E que estou seguro de que vai saber moi ben do que lle falo, sendo coñecedor de que as súas raíces están chantadas así mesmo nunha pequena aldeíña de interior.

Decidín escribirlle estas letras sen sobre, logo de ler que o seu patrimonio (60.900.000.000 €) é sete veces superior ós recursos económicos que manexa durante un ano para todos nós o señor presidente da Xunta. E, aínda máis, que só co valor do que se incrementou o mesmo con respecto ó ano anterior -digamos, 14.900 millóns de euros- o seu amigo presidente tería "gasolina" para facer funcionar a Xunta de Galicia durante case dous anos.

Tamén sei, digo de paso, que conta cunha fundación que leva a cabo honrosas e en moitos casos silentes obras sociais certamente meritorias -a última, creo, de 17 millóns de euros para a sanidade galega- das que se benefician xentes de toda condición.

Non vou ser eu, polo tanto, quen me poña á cola dos que despotrican contra vostede e contra o que vostede significa por ser extremadamente rico. Nin tampouco para esixirlle que se sente día si e día non no centro de María Pita e se poña a repartir billetes de 500 euros a todo aquel que pase pola súa beira en procesión. Non.

Pero como estou seguro de que coñece moi ben esta Galicia na que decidiu manter o centro neurálxico do seu emporio (sobre todo esta Galicia de interior) o que realmente necesita para non morrer de inanición é un impulso enérxico é urxente de electroshock, dado que as institucións públicas, coa crise, levan anos facendo deixación de funcións, por qué non pensa -atrévome a suxerirlle- en liderar dende a súa Fundación un gran proxecto de rexeneración do medio rural galego?

E non digo con isto que de súpeto se poña a sementar talleres de confección por aquí e por acolá, que se cadra tamén podería ser unha solución.

Refírome máis concretamente a que esta terra, que é a súa e tamén a miña, está subdividida en medio cento de comarcas, unha boa parte delas a monte ou en estática atonía, coas súas debilidades e as súas ameazas, pero tamén coas súas oportunidades e as súas fortalezas, que agardan coma auga de maio por un chaparrón que faga abrollar as súas indubidables potencialidades.

Por qué non pensa, logo entón -e dispénseme o atrevemento-, na creación dun estamento que desenvolva unha especie de "Plan Ortega" para a Galicia interior cunhas cantas "calderillas" desas cifras astronómicas (10.109.400.000.000 pts.) que estou seguro que tamén a vostede lle xeran pudor.

Te puede interesar