Opinión

Eu son Balbina…

Unha muller da aldea. Coma quen dis, unha ninguén. E ademais, pobre...

Ata nantronte mesmo, a miña vida camiñaba de vagar. Compartida coas das dúas miñas irmás, María e Josefa, nunha humilde casoupa de Güin, onde as terras altas do Iermes lle dan a man ás veigas chas de Ponte Liñares, podería dicir que viviamos tranquilas, ó paseniño ritmo do resto da aldea. E, nestes días de temporal, aínda máis.

Sinceramente, non me atrevo a afirmar que viviramos dun xeito pracenteiro, porque á miña idade os praceres son agoiros do máis alá. Pero tampouco me podo queixar. Son a maior das tres e malia que a saúde me ten respectado, os 80 anos que arrastro por riba dos ósos cada día pesan un pouco máis. Pois cando non me doe un cadril é o reuma o que se encarga de avisar. E non digamos xa, cando ó rato se lle dá por aniñar no ventre do silencio... Quero dicir na alma. Pois días hai no ano para dar e para tomar.

Sen embargo, tamén mentiría se dixese que non eramos felices. Á nosa maneira, pois que sexamos tres non quere dicir que teñamos a mesma idea dende que nos erguemos ata que nos imos deitar. Pero felices, vaia, sen nos pasar.

Ata que a desgracia pasou pola porta dun xeito que xa non lembraba, nin sequera de cando os meus pais falaban dos corvos que anunciaban as mortes á calor do lume do lar.

Na aldea tiñamos falado de que había que se coidar de pechar ben as portas e de ter o teléfono á man, porque a televisión galega -aquí non chega o xornal- tiña falado moito duns encarapuchados que andaban a roubar polas aldeas. Pero, quen vai vir dar a Güin! Diciamos entre nós, as irmás.

Sen embargo, viñeron. E non sei se ó chou ou porque nos tiña vixiado, o caso é que non dou sacado o susto do corpo, porque levar, levar, o que se di levar, qué nos ían levar, se non temos nin para o pan.
Ogallá os collan pronto e que podrezan no cárcere e así deixarán de lle bater á xente. Aínda que polo que teño escoitado no telexornal, por facer o que fan, cando a garda civil os leva detidos ó xulgado, a miúdo adoitan marchar eles denantes de que os axentes terminen de asinar os papeis da entrega á autoridade xudicial.

Non me crerán, porque xa son vella. Pero, se tivera diante miña ó presidente da Xunta, turraríalle pola garabata e rifaríalle coma a un meu fillo por nos teren abandonado tanto. Pois, cando eu era nova, polo carafio se atrevían, os de outra aldea, vir roubar a Güin, porque sabían que levarían que contar. Daquela había vida nela! Agora, sen embargo, semella que nos queren meter o medo no corpo para que marchemos para unha residencia desas onde non fan máis ca nos apampanar.

Te puede interesar