Opinión

Eu tamén fun

Non foi de pé feito, porque a onde acudín foi á chamada dun xantar -ben agradable, por certo- cuns amigos que para seren parte da miña familia só lles falta algún dos meus mesmos dous apelidos, pero -mal que me pese- acabei claudicando e fun, co fin de comprobar se todo canto se dicía nos medios de comunicación e nas redes socias era certo.

Eran arredor das sete da tarde e maliciando que os accesos cara o centro estarían saturados, fixen entrada polo túnel de circunvalación do Berbés, para logo subir polo que chaman Barrio do Cura e así acabarmos nas inmediacións do estacionamento situado a carón do Concello. De onde acabei ó final lémbranse ben os meus pés cando fixen o camiño de volta porque o único lugar onde atopei un ínfimo espazo para estacionar foi no curuto do parque do Castro, porque non había lugar máis alto.

Con insá curiosidade porque me resistía a darlle crédito a todo canto me tiñan contado e con algo de preocupación -polo tanto- porque ó final fose certo, xa que logo, algún pálpito me dicía que a miña teimudez non me ía deixar nun lugar moi decoroso, baixamos polas vellas rúas embaixo, ata chegarmos ó "Cabo Cañaveral" do lanzamento lumínico: A "Porta do Sol" olívica.

¡Xesús, canta xente! Tería exclamado ben alto noutro lugar e noutra causa, se non fose porque con tal expresión estaríame flaxelando en público e facéndome engulir unha por unha tódalas espiñas que nas últimas semanas puxen de parapeto cada vez que me amosaba incrédulo de que alguén poidese viaxar a Vigo dende fóra do noso entorno máis inmediato co único obxectivo de ir ver os millóns de luces que repartiu pola cidade tan singular "Caballero".

E é certo. Canta xente habería, non son quen de cifrala arestora, aínda que se calculamos o espazo que en triángulo debuxan as rúas Príncipe,  Velázquez Moreno e Policarpo Sanz, sumándolle ademais o mercadiño da Alameda de a carón da xa famosa noria, e cada metro cadrado o convertemos en catro persoas, decatariámonos do xentío que alí se concentraba cando o sol xa se puxera definitivamente por tras das Cíes.

Unha auténtica barbaridade, sen dúbida paseando e sacando fotos de algo que seguramente en maior ou menor cantidade ten na súa propia cidade, pero sen o inglés e sen o histrionismo tan persoal de Caballero.

Alguén me comentou que algún día será estudado na Universidade como un alcalde, por el só, é quen de facer tanto barullo, ó que eu lle respondín que algún día alguén estudiará terá que estudar tamén este comportamento sociolopático que fai da vacuidadde un verdadeiro credo: A onde vai Vicente? A onde vai a xente. E que vai facer? O mesmo cós demais: O parvo!

Te puede interesar