Opinión

Eu traballo con buciños

Pero  se ti nunca te dedicaches á escultura! Supoño que exclamará vostede para os seus adentros ó ler tal titular, se é coñecedor da miña actividade diaria dentro e fóra deste xornal.

E non lle faltará razón, por máis que non conte mentira ningunha na frase introductoria. É certo que nunca me dediquei á escultura porque para iso, como acostuma a dicir Acisclo Manzano, "hai que saber ver a obra de arte no interior do tocho de material" e logo, evidentemente, ter aínda máis arte nas mans para sacarlle ó tocho o que lle sobra, co fin de que finalmente a obra reluza como relocen as obras de Buciños, xa sexan de madeira, de bronce ou de ámbolos dous materiais perfectamente ensarillados, cousa que para min forma parte do "summum" da arte tridimensional.

En resumo, se ben é certo que nunca fun quen de achegarme, nin por asomo, ó difícil oficio artístico de escultor, non é menos certo que tódolos días me acompaña no meu espazo de traballo cotiá "un Buciños". Un Buciños que reproduce a escala menor a maxestosa figura voandeira de Rosendo Guterres, o fundador de Celanova, ben fermosa e coñecida por certo e creada por el para  a ocasión no ano 1977 co gallo de deixar constancia -o día 1 de marzo daquel ano- do milenario do pasamento do fundador e da non menos milenaria, polo tanto, historia da miña vila nutricia.

Aínda que el non o saiba, pois, traballo con el tódolos días, gracias a un bo amigo seu, Anxo Martínez, un lugués no seu caso de Quiroga, falecido hai xa unha chea de anos e nomeado no seu momento fillo adoptivo de Celanova, que foi que de atesourar un ampla e xenerosa colección de obras de artistas ourensáns relacionadas co devandito San Rosendo e que por desgracia para todos levan demasiados anos agardando por un espazo expositivo permanente no que poder poñelas a disposición do goce público, tal como foi a última vontade do donante.

Teño a fortuna, polo tanto, de traballar con Buciños, igual que traballo con Virxilio, con Xosé Cid, con Acisclo, con Faílde, con Moreiras, con Baltar e mesmo con Prego de Oliver. Un luxo, é certo ó alcance de moi pouca xente.

Velaí, polo tanto, a satisfacción que me supuxo saber que a Deputación provincial vai tramitar o expediente de declaración de Manuel Buciños como fillo adoptivo de Ourense.

Satisfacción, debo dicir, de paso, non só porque teña a fortuna de gozar diariamente con algunha das súas obras, senón pola admiración persoal que lle profeso. Pois, por máis que a súa patria primordial estea en Lugo, co seu compromiso vital con Ourense, a súa inxente obra engrandece a Ourense e a tódolos ourensáns.

Te puede interesar