Opinión

Que fixemos mal?

Logo de teren pasado tódolos representantes das formacións políticas polo sofá do presidente do Goberno -en funcións- (arestora non alcanzo a definir se pasaron polo de Bertín Osborne ou polo de Risto Meijide), a min suxírenseme unhas cantas preguntas, por riba das cales sobrancea unha: Que fixemos mal ó longo de corenta anos de democracia para que as dúas Españas de Machado continúen sen querer sentaren nunha mesa a falar?.

Entendo -é certo- que cada quen teña as súas propostas políticas de futuro e mesmo que algunhas se atopen nas antípodas das que defenden outras formacións. Pero máis certo é aínda que, se en algo estamos todos de acordo (algo é algo), isto é que, se cara algures queremos ir, é cara o futuro. Non nos queda outra.

Polo tanto, nesa viaxe inexorable cara o futuro hai algunhas máximas (ou debería haber) que son de común acordo, sexamos uns violetas, outros laranxas outros azuis, outros vermellos e outros de diferentes colores. Vexamos...

Nun principio é evidente que ese camiño querémolo facer todos (ou a grande maioría) xuntos. Que non queremos que ninguén quede rezagado. Que os novos poidan ir á vangarda e que os vellos non se afasten do pelotón. Que cada quen avance ó ritmo que lle dean as pernas, pero se se manca, o resto lle botemos a man. Que non haxa liortas na travesía ou se as hai, que haxa alguén que arbitre os desencontros. Que ninguén pase fame nas paradas técnicas.

Velaí, resumidas, as grandes cuestións que nos poden garantir a viaxe. Logo xa haberá tempo de discutir se temos que coller o desvío da esquerda ou da dereita porque dis que por un hai menos curvas e por outro menos costas. De debater cántas horas debemos camiñar e cantas outras descansar o corpo, etc., etc.

E así, vendo tan inexorable evidencia (porque camiñar, imos ter que camiñar), é polo que me pregunto qué foi o que fixemos tan mal -ou non fixemos- ó longo de corenta anos para que uns e outros sigan sen se poderen sentar arredor da mesma mesa -cada quen co seu manual de viaxe- e comezaren a sinalar qué puntos dos manuais coinciden no elemental e cales son, polo de agora tan innegociables que deben agardar.

Vivimos nun país condenado a morrer de inanición -por devalo demográfico- e a que outros veñan ocupar o noso espazo cando xa non esteamos nós. Vivimos nun país que non sabe se será capaz de garantir o pago das pensións dos xubilados a curto prazo. Que descoñece se os seus fillos atoparán un posto de traballo digno algún día e non somos capaces de obrigar ós "nosos" líderes a que acorden unha folla de ruta elemental? Que nos pasa? Pregunto. Que fixemos tan mal para que sigan malvivindo as dúas Españas que tanto mal nos teñen feito?

Te puede interesar