Opinión

Fraco favor

Se non me falla a memoria, coido que xa fixen referencia nesta columna ó grave erro que, ós ollos de quen observa os touros por tras da barreira, cometeu o Partido Popular encomendándolle a tripulación e o pilotaxe da aeronave a un mozo que como todo mérito de estadista ten -dino os seus propios correlixionarios- o de saber dar discursos sen papeis, enviando ó obstracismo político a quen podería ser nestes intres a única muller candidata á presidencia do goberno, e probablemente á persoa que mellor coñece nesta etapa política as tripas da xestión estatal, incluso por riba da do actual presidente do goberno, por máis que ela fose só vicepresidenta e el, tal e como lle gusta exclamar con frecuencia, sexa aínda presidente do goberno.

Pregunteille daquela, cando celebraron o congreso do partido en Madrid, a un activo militante de base do partido, con quen subiría máis tranquilo a un avión, se cunha piloto con máis de sete anos acumulados de horas de voo ou cun aprendiz que aínda levase o autocolante da "L" na xaneliña do seu avión.

El, que era declarado seareiro do candidato actual, díxome que era unha pregunta trampa e que non servía de semellanza para a cuestión presidencial porque estaba convencido de que a súa valía aínda non saíra á luz, pero seica daba gloria -ó seu ver- escoitalo falar coa soltura coa que falaba do divino e do humano e, sempre -dicía el-, sen papeis.

Non o sei porque loxicamente xamais recoñecerán publicamente o erro, pero imaxino que cada vez que algún medio publica unhas enquisas máis ou menos cociñadas, deben ser milleiros os que a estas alturas do partido deben estar roendo por dentro as entrañas por non poder darlle para atrás ó tempo e, coma millóns de británicos, seren quen de poder volver votar.

Para os que ollamos a situación dende a distancia e nos decatamos de que cada vez que fai unha declaración sube o pan (por máis que no seu haber haxa que contar tamén con que as declaracións dos seus rivais adoitan provocar o mesmo efecto), non facemos máis ca reafirmarnos naquel primeiro pensamento, xa que logo, procurando o camiño das esencias aznarianas non están facendo outra cousa ca esnafrarse polo precipicio, perdendo efectivos cara esa mesma dirección e esquecendo a todos cantos se atopan nunha situación máis centrada, sen saber moi ben con quen fusionar a súa decisión.

A última vez que subiu o pan coas súas declaracións foi nantronte no "Mar de Vigo", cando, todo ufano e xeneroso, dixo que, con el, Alberto Núñez podía ser o que quixera.

Eu creo que non se decatou. Ou si? Quen si coido que se enterou foi o propio Núñez Feijóo, pois con esa aparentemente aduladora proposición, o que lle fixo Pablo Casado foi un fraco favor, ó demostrarlle á militancia galega quen estaba por riba (o que ofrece) e quen por baixo (o que acepta ou non) no rango de sucesión. Outra cousa será –quen sabe?- cando pasen e segundo pasen as próximas eleccions.

Te puede interesar