Opinión

Furgar no ordenador

Non sei se lle terá pasado algunha vez. Supoño que dependerá do tipo de actividade profesional que desenvolva a cotío e se o seu contacto coa informática ou con aparatos informáticos é máis ou menos común.

Sexa como sexa, vou expoñer o exemplo de todas maneiras porque pode ser mudado por outro semellante e seguro que se entenderá tamén ben.

Volvo ó principio. Se os ordenadores forman parte cotiá do seu entorno laboral, seguramente que lle ha de ter acontecido a seguinte escena. De pronto xorde unha reunión e precísase concectar algún proxector ó ordenador para que tódolos participantes na mesma teñan á vista a información.

Entón, o que se encarga máis ou menos dos trebellos informáticos procede á conexión, procura os cables precisos, pero a imaxe que reproduce a pantalla do ordenador non se dá visto na pantalla do proxector. Vaia! Temos un problema, anuncia.

Iso fai que de súpeto aparezan arredor da mesa dous ou tres dos que "máis saben" de informática na empresa porque teñen proxector e sistema de son, "home cinema con subwoofer e todo" na casa e están fartos de fedellar con cables "vga", "super vga", "dvi", "hdmi" e tódalas iniciais que se lle poñan por diante. Pero a imaxe non dá aparecido na parede. "É que non é un problema de hardware, senón de software", diría o seguinte entendido. "Mira de premer F5 varias veces, ata que apareza a imaxe na pantalla". "Déixame a min...!" "Seguro que está algún cable frouxo..." "Resetea o ordenador, nunca falla...", emerxe unha voz dende o fondo da sala. Pero nada. Non hai maneira. A pantalla continúa en negro, allea ás ordes -nunca mellor dito- do ordenador.

Así, ata que o máis calado de todos exclama: "E non nos sería moito mellor chamar a un técnico, que saiba de que vai isto. Coño...!"

Pois ben, salvando as distancias entre o que é serio e o que, coma neste caso, é unha brincadeira, sinceramente creo que tal que así é -por desgracia- o estado de marasmo no que dende hai tempo vivimos no conxunto do Estado. É dicir, con media ducia de afeccionados a furgar na política tratando de facer funcionar a complexa maquinaria do Estado sen ter a máis remota idea de que tecla premer en cada caso para evitar que o Estado se bloquee e haxa que resetealo de novo.

Se os que lideran os partidos políticos non dan cabo da solución despois de tantos intentos, non deberíamos comezar a esixir -coma o home calado do fondo- que se poñan á fronte outras persoas que teñan a cabeza mellor amoblada e, sobre todo, que saiban o que teñen entre más para non nos rebente nos fociños o ordenador.

Te puede interesar