Opinión

Granxas de vellos

E ben sabido que cando Eulogio Gómez Franqueira viu que unha boa parte do futuro económico da nosa provincia pasaba pola explotación avícola masiva e comezou a promover a instalación de granxas de pitas poñedoras e de engorde de polos, por aquí e por aco- lá, tivo que acabar recorrendo a moitos amigos e compañeiros de profesión -é dicir, mestres- para conseguir unha producción que garantise a chegada do mesmo a grandes mercados externos e rentabilizase o proxecto cooperativo ó que lle entregou toda a súa vida e que hoxe, por fortuna, sostén a economía dunhas sete ou oito mil familias ourensás, que a unha media de catro membros por unidade familiar ben a supoñer nada máis e nada menos que a un de cada dez ourensáns. Que é moito "do noso señor" para unha empresa só.

Loxicamente, a economía de mercado evoluíu á presa e unha profunda crise aviar, alá polos anos 80, ensinoulle ós continuadores da vella "Uteco" -fundamentalmente Manuel Gómez-Franqueira e Emilio Rial- que non podía manter -nunca mellor dito- tódolos ovos no mesmo cesto e agora Coren é moito máis ca unhas cantas granxas de polos repartidas pola provincia.

Como consecuencia, moitas víronse abocadas ó peche e un bo número delas quedaron salferidas pola nosa xeografía sen saberse reciclar, por máis que nalgún caso procuraron solucións alternativas e mesmo algunha preto de Celanova pretendeu ser incluso unha discoteca.

Veume hoxe -onte para vostede, benquerido lector a branca e alongada estampa das granxas de polos abandonadas, á memoria despois de ler a reportaxe coa que este mesmo xornal abría onte a súa proposta informativa baixo un explícito titular que dicía: "Ourense confía a la hostelería y al cuidado de mayores su futuro laboral".

E veume porque, cada vez que leo algunha información local na que algún alcalde -ou alcaldesa- ourensá asegura que entre os seus proxectos de futuro está a construcción dunha "residencia de maiores", eu sempre acabo por exhortar o seguinte: ¡Hala!, outro que quere substituír ás granxas de polos polas "granxa de vellos"!

É certo que non me vai ler nunca a min unha frase que banalice a necesidade deste servizo para unha poboación envellecida como é a nosa.

Ora ben, se Ourense non ten outro futuro laboral có da "dependencia" -é dicir, o da atención ás "granxas de vellos"- e ninguén é quen de zaraba- ternos a conciencia para que -como fixo Coren- exploremos alternativas, entón empecemos a rezar todos un responso porque o R.I.P. xa o temos marcado na fronte. 

Te puede interesar