Opinión

Hai momentos

O Ministerio de Cultura, despois da aceda polémica levantada no sector a raíz dunhas declaracións nas que colocaba nun segundo plano de importancia a problemática do sector da cultura fronte ó ámbito prioritario e primordial da sanidade, acaba de enmendar a plana aprobando un Real-Decreto Ley no sinalan as medidas de apoio ó sector cultural.
Na mesma liña, dende hai unhas semanas a cúpula da Consellería de Cultura tamén ten mantido reunións con diversos representantes do sector en Galicia e ten programado outras para ver de buscar un camiño intermedio polo que ir da man institucións e xestores culturais co fin de reabrir as portas interiores e exteriores de teatros, auditorios e outros espazos culturais e tratar de que o dano que a pandemia lle vai causar ó sector, poida ser minimizada ata onde dean os poucos recursos cos que sen dúbida vai acabar contando o mencionado sector.

Créditos brandos por unha banda, para a industria cultural, sistemas específicos de protección laboral para os traballadores desta industria, apertura de criterios para o financiamento do audiovisual denantes de que os proxectos teñan que ser distribuídos en salas que dificilmente van poder conseguir rendementos, xa non que palíen estes meses de paralización total do traballo, senón que poidan facer sostibles as aperturas das salas no futuro inmediato que nos espera.

Pois ben, no medio deste contexto acabo de ler que o Concello de Ourense anuncia a transformación da denominada "Sala Valente" da cidade nun edificio de oficinas, devolvendo o seu uso a unha utilidade administrativa que é máis que posible que poida ter razón de ser sen ningunha mingua noutro edificio non tan senlleiro e noutra ubicación non tan céntrica.

"Doutores ten a santa madre igrexa" -di o vello adaxio popular-, polo que supoño que, cando o alcalde ourensán se lanzou a divulgar a noticia nun contexto de desencontro cada vez máis cruento co sector cultural da cidade, é porque xa teñen analizados os pros e as contras dunha decisión que non vai facer outra cousas ca reducir de tres a dous os xa de seu insuficientes contedores expositivos institucionais (probablemente o máis axeitados de todos eles) da capital.

Polo que vin, entre os argumentos utilizados para asentar tal decisión utilizan ese tan manido como retorto recurso de que os que hai están infrautilizados e que ademais non lle furtarán a posibilidade de manter nel exposicións.

Repito que non é doado emitir unha opinión agora, sen correr o risco de caer na equivocación cando o edificio comece a funcionar cos novos usos anunciados.
Ora ben, sexa dun xeito ou doutro, ó que non parece acaído é o momento, mentres o sector cultural trata de manterse a flote suxeitos a un cravo ardendo, pois ven a ser coma se un piloto decide informar á pasaxe de que vai soltar o tren de aterraxe cando o avión está a piques de entrar en barrena.

Te puede interesar