Opinión

Hemorraxia demográfica

Leo a reportaxe que na fin de semana publicou este xornal sobre a hemorraxia demográfica terminal que dende hai décadas sofre Ourense e que en cifras contantes e soantes ven a poñerlle lentes de aumento ó problema máis grave ó que se enfrontan este territorio, e lévame a mesma a reflexionar, unha vez máis, sobre o devalar no que a Galicia rural viaxa cara a nada.

Queda escrito nela que dende xullo do ano pasado a xuño deste mesmo ano (xa sexa porque uns marchan en non veñen tantos coma marchan ou porque -cousas da vida- outros morren e non nacen tantos coma morren), do mesmo xeito que se esvae en forma de bafo no ambiente da cidade unha parte da auga que salfiren as Burgas, a poboación ourensá viu cómo se evaporaban, nese último período anual, 3.229 efectivos, que veñen a supoñer unha media de 9 persoas cada día que o sol ven, nos alumea e se vai.

Cómo frear esta inexorable tendencia ó cero -que se diría en cálculo diferencial e que, como demostra a reportaxe, non é exclusiva de Ourense-, é a gran pregunta que polo de agora ninguén foi capaz de contestar, por máis que todos ou case todos teñan pasado xa polos despachos da Xunta.

É certo, en honor á verdade, que uns tiveron menos tempo ca outros para intentalo. Pero o caso é que nin uns nin outros teñen tido a valentía institucional de coller o touro polos cornos e lexislar -que neste caso é por onde hai que comezar- políticas de repoboación enérxicas e audaces destinadas a cortar esa hemorraxia letal que nos desangra.

Hoxe pola tarde estará na miña vila -coma tantas outras veces- o presidente da Xunta de mitin electoral e seguro que nalgún intre do seu discurso mentará a autovía que ten achegado as Terras de Celanova e da Baixa Limia á rede de comunicacións nacional, porque é certo que foi unha súa aposta, que non lle hai que agradecer -porque ós políticos non lles hai que agradecer o que fan- pero si que é de xustiza valorar.

Sen embargo, como el ben sabe, as autovías, o AVE, os aeroportos, etc., do mesmo xeito que axudan a traer ás xentes ós sitios, tamén as poden levar e, polo tanto, o seu multimillonario investimento carecería de sentido se de inmediato non se deseñan políticas que fomenten o asentamento poboacional alí onde esas infraestructuras acaban de chegar.

Pero políticas que non se queden na anécdota dun talón de cen euros para aqueles que decidan procrear. Senón políticas serias de exoneración fiscal para a creación de pequenas empresas, bonificacións impositivas para, por exemplo, a rehabilitación de vivendas, redistribución das terras, etc., etc.

Xa sei que non é doado. Pero isto é o que hai: Ou somos capaces de frear a tendencia ou o límite matemático é o cero. É dicir, a nosa desaparición social.

Te puede interesar