Opinión

Hipercatedráticos

Oano 1974 está marcado con rotulador fosforescente no cronograma da miña existencia, non en van, con 14 anos na mochila e un pasaporte vital que non contaba con máis quilometraxe ca algunha que outra viaxe esporádica a Ourense e unha excursión primaveral de catro días a Madrid, con paso obrigado, por certo, polo Valle dos Caídos cando aínda o dictador non colonizara o famoso burato, a chegada á miña casa dunha beca que meu pai solicitara -se mal non lembro- a través da Caixa de Aforros, con xa o curso comezado colocoume unha mañá de comezos do mes de setembro na rúa Doctor Fleming para subir nun autobús do Alsa e iniciar unha ruta completamente descoñecida cara a Universidade Laboral de Gijón.

Como vostede pode comprender perfectamente, teño aqueles recordos gravados a cicel -é dicir, indelebles- porque afortunadamente para ben fixeron de min unha persoa que probablemente hoxe non sería, se aquel día, por hache ou por be, meu pai non subira comigo, incauto e temeroso, naquel autobús que tardou dende as 11 da mañá ata as 9 da noite en facer unha interminable travesía por Lugo, Vegadeo, Luarca e Oviedo, que logo, ó longo da miña vida, teño repetido tantas veces.

Véñenme á idea aqueles recordos adolescentes ateigados de sensacións nos dous sentidos -porque a vida é así-, cando leo a información que fala da homenaxe que a Federación Española de Municipios lle tributou nantronte a 22 alcaldes que dende denantes de 1979, aínda hoxe continúan á fronte da xestión pública dos seus concellos, dous dos cales son nosos veciños. A saber, José Antonio Pérez Cortés, de Quintela de Leirado e Senén Pousa, de Beade, que o é, precisamente dende aquel mesmo 1974 tan vivo na miña memoria.

Corenta e cinco anos median. Aí é nada! Case medio século -que se di pronto-, cos seus veráns e os seus invernos, cos seus días e as súas noites, coas súas penas e as súas alegrías, cos seus incordios e as súas festas, coas súas eivas e os seus acertos... En fin! Con todo iso que conleva vivir, que é moito.

A Senén véxoo menos porque os nosos pasos camiñan a cotío por bisbarras diferentes. Con José Antonio teño máis contacto porque a bisbarra na que moramos é a mesma e aínda hoxe pola mañá tiven oportunidade de falar con el e facerlle chegar a miña noraboa máis sincera.

Unha noraboa que tamén lle traslado desde aquí a Senén Pousa, facendo votos porque a homenaxe a ámbolos dous non quede só na letra dun diploma escrito en Madrid. Pois, como ben reza na casa padronesa de Camilo José Cela: "O que resiste, gaña". E se algún valor ha ter “de fábrica” un bo alcalde, este é o da resistencia, arte na que ámbolos dous teñen acadado “ex aequo” o título magnífico de “hipercatedráticos!”.

Te puede interesar