Opinión

Horas cruciais

Se vostede repara nesta columna con certa frecuencia saberá que dende hai tempo -dun xeito especial dende hai algo máis de dous anos, cando tiven a oportunidade de pasar 13 días en Caracas- sigo os acontecementos e o triste devalar daquel país cunha mirada expectante e, aínda que pareza contradictorio, cada vez máis esperanzada .

Son moitas as caras familiares, amigas e veciñas que un ten na memoria, caras que hoxe tratan de explorar un mundo novo aquí coma outras que permanecen acolá resistindo o irresistible, como para que unha situación social terminal coma a que está sufrindo ese país me poida ser indiferente.

Hai uns intres, denantes de me poñer a escribir, recibo unha mensaxe de José Antonio Alejandro, o secretario da Hermandad Gallega de Caracas, cun documento adxunto elaborado polo "Consejo General de la ciudadanía española en el exterior", que leva por funesto título, o seguinte: "Campaña de ayuda humanitaria alas familias españolas de Venezuela".

Afortunadamente hoxe xa non acontece o que acontecía hai dous anos, cando volvín daqueles días en Caracas e ó contar o que os meus propios ollos viran e retrataran, aínda había xente que me miraba con cara incrédula e, como toda resposta ós meus comentarios , dicía, "...bueno, aquí os nosos mozos tamén teñen que emigrar!".

Aínda así -é dicir, malia que hoxe a conciencia sobre a gravísima situación social que atravesa aquel país é máis aberta-, resulta necesario frotar os ollos cando un le que os representantes venezolanos nese Consello xeral "describen una situación de extrema emergencia en su país de residencia, en el cual son muchísimas las familias españolas que no disponen ya de agua potable, alimentos ni medicamentos", coma se o mesmo acabase de sufrir un terremoto máis grande aínda có de Fukushima de hai sete anos.

E escribo que hai que frotar os ollos porque un vive nun pobo que ten unha rúa que leva o nome de Venezuela porque practicamente tódolos edificios desa zona urbana foron promovidos por emigrantes que fixeron fortuna naquel país e aínda hoxe teño a oportunidade de entrar en negocios que daquela facían caixa suficiente en 3 meses como para soster o negocio todo o ano.

Que Venezuela está a vivir horas cruciais é unha evidencia. Que todos agardamos a que se sucedan co menor custe humano posible é un devezo que por veces se transforma nun pesadelo. Sobre todo, se cando, a piques de rematar a columna recibo unha mensaxe doutro veciño, que me di:  "La situación del país no es fácil, estamos luchando contra narcodelincuentes de oficio y unos cubanos que sobreviven de nuestro petróleo. También pienso que es nuestra última oportunidad y nos aferramos. A pesar de la desesperanza, estamos en buenas manos y seguro que las decisiones que se tomen serán las correctas”.

Que así sexa.

Te puede interesar