Opinión

Un horizonte de posibilidades

Quen pronunciou a expresión que acabo de inserir no titular non foi o presidente da Xunta. Foi o alcalde da Peroxa e presidente actual do Consorcio de xestión dos Peares, Manuel Seoane.

É máis, reproducindo o texto que recolleu o xornal de onte, o veterano mandatario o que dixo -probablemente, con algo de vertixe na voz pola responsabilidade que se lles ven por riba- foi: "Ábrese un horizonte de oportunidades que nos obriga a traballar moi duro".

Un horizonte de oportunidades, si señor! Un horizonte de oportunidades que debería comezar a amosarlles de vez o camiño da xestión dos recursos autonómicos no ámbito municipal, ás cabezas pensantes da Xunta de Galicia, que levan case corenta anos enleados -coma o rato nunha noria- nunha absurda e custosísima rolda sen fin de concesión de subvencións "de concorrencia competitiva" a través do diario oficial de Galicia, que non fai outra cousa ca consumir inxentes cantidades de recursos humanos e administrativos nas dúas administracións -a local e a autonómica- para, no primeiro cuarto de ano tramitar administrativa e tecnicamente as peticións; no segundo cuarto agardar "a ver se toda a lotería" e a subvención ven concedida; no terceiro cuarto executar a toda presa e ó límite da prevaricación as miudezas repartidas, e finalmente no derradeiro cuarto volvendo de novo á tramitación administrativa para xustificar en tempo e forma as pequenas miserias obtidas e que non serven para nada máis ca para tapar algúns buratos coma os que as pedreas na lotería.

Se vostede non estivo ó tanto da actualidade estes días, direille que o que dixo o alcalde da Peroxa tivo razón de ser ó fío da presentación do Plan Ribeira Sacra, que seica vai investir 34 millóns de euros (5.644.000.000 das vellas pesetas) nos próximos tres anos nos 25 concellos que constitúen esa demarcación xeográfica e a través de 7 eixos conceptuais nos que estarán implicadas 5 consellerías.

Pois ben, non era tan difícil. Velaí cal é o camiño: Se realmente desexan que a Galicia abandonada reviva non teñen máis ca esquecérense de repartir esmolas a través das subvencións "competitivas" e deseñaren uns plans plurianuais de investimentos por comarcas (poñamos de 30 millóns), potenciando en cada unha os seus recursos endóxenos -que xa é farto coñecido cales son- e ó cabo de media ducia de anos veriamos ata que punto as administracións serían quen de lle mudar a cara a esta Galicia enferma de inanición na que lentamente imos esmorecendo arredor de un millón de persoas.

Te puede interesar