Opinión

O hostal dos Reis Católicos en Celanova

Alectura da información sobre a conferencia ofrecida nantronte polo ex-alcalde da Coruña e ex-embaixador de España no Vaticano arredor de personaxes e curiosidades históricas relacionadas coa II Guerra Mundial e protagonizadas por xentes máis ou menos humildes e anónimas orixinarias da nosa terra, provócame contar a min algunha tamén, non tanto da última gran guerra nin de xentes galegas, senón do lugar das miñas orixes e de hai algúns anos -mellor dito, séculos- máis.

Se vostede é dos que deixa pousar a vista de cando vez por este espazo do xornal é posible que sexa sabedor xa da miña afección por este tipo de brincadeiras, gracias, evidentemente, á inestiñable fonte documental coa que conta a historiografía celanovesa e que, con moita frecuencia fai que a xente non me crea cando son quen de relatárllelas.

Vaia, pois, esta "perla", que non sei se chega ó nivel de curiosidade das relatadas polo diplomático herculino. Está recollida nun libro que por fortuna foi rescatado para os leigos alá polo ano 2007 por Miguel Ángel González e publicado na editorial Duen de Bux, do lembrado Alfonso Prada.

Titúlase "Celanova Ilustrada" e foi escrito por un monxe celanovés, Benito de la Cueva, alá polo ano 1634, denantes de acabar os seus días como prior en San Pedro de Rocas.

Nel relátanse multitude de aconteceres relacionados coa comunidade monacal celanovesa e que darían para unha substanciosa novela histórica se un tivese folgos e capacidade para escribila.

A que traio hoxe a colación ten que ver co abade co que contaba o mosteiro no ano 1048, un tal Ariano, que tamén foi gobernador de Galicia (e que chegou a ter a sede do goberno en Celanova), co propio rei do de Castela e León, Fernando o Magno, que o tiña en gran estima, e cunha condesa chamada Adroacia, que era tía do monarca e que se revelou contra el.

Detida e apresada a tal Adroacia e o seu home Nuño, o rei expolioulle tódalas propiedades que estes tiñan en Santiago. Entre elas, un hospital "cerca de la iglesia Mayor", que seguidamente puxo nas mans do abade celanovés para que o seus monxes "hospeden y abriguen a los pobres que van a aquella ciudad a visitar al Santo Apóstol".

Por mor de tal doazón, segundo relata Benito de la Cueva a comunidade bieita de Celanova estivo á fronte do tal hospital ata que case catrocentos anos despois "Os Reis Católicos ampliaron este con la liberalidad y grandeza que hoy está."

Para que logo digan en Santiago que o de Celanova non é un camiño que mereza formar parte da rede Xacobea!

Te puede interesar