Opinión

Hoxe aquí... mañá acolá

Sobrevoan por riba das miñas cabezas helicópteros de distintas cores, azuis, amarelos e vermellos, con ou sen cesta de evacuación, avionetas varias, grandes e pequenas, con panza de bañeira ou sen ela, e, sobre todo, un fume por veces negro con claras intencións de ocultarme o sol.

Son pouco máis das cinco da tarde e collo o coche para -como dicían os meus avós- "baixar á vila" co fin de cumprir cunha familia amiga que acaba de pasar por un transo doloroso, como é o da perda inesperada dun fillo, un irmán e un sobriño, pero as lapas, aínda incipientes pero xa ameazadoras, sen dúbida, na mesma ladeira da estrada impídenme continuar a curta distancia que media entre a miña casa e a praza maior de Celanova.

Topo veciños na estrada e, malia que malicio que xa foi dado máis dun aviso, decido facer o mesmo -non sei se correcta ou incorrectamente- pensando -seguro que está contabilizado- en canto será a media de avisos que recibirán estes servizos de emerxencia por cada incidente que xorde. De tódolos modos, prefiro que reciban dez chamadas ca que non reciban ningunha e ó outro lado da liña escoito unha voz feminina que ratifica os meus pensamentos informándome de que xa debe estar polas inmediacións algunha brigada e que os medios aéreos han de estar a chegar.

Os nervios crecen, sen embargo, porque o tempo parece acelerar a medida que as labaradas van asomando, mentres o tocante á chegada dos "medios aéreos" anunciados semella parar. Cousas da relatividade.

Non pasan máis alá de dez minutos, cando outra brigada fai acto de presencia a carón de nós, ó mesmo tempo que a garda civil coloca o seu coche no medio da estrada para que ninguén cometa unha imprudencia que lle poida custar algo máis ca un susto.

Esperamos, falamos, vemos chegar os helicópteros, analizamos as súas manobras coma se fosemos expertos na extinción de incendios, fotografámolos, teorizamos sobre a pericia do piloto para soltar a auga no punto exacto (hai algún que fala con tanta seguridade que se el estivera comandando a aeronave seguro estou de que non fallaría ningún "disparo" acuático), algún que outro solta un exhabrupto, chegan os propietarios das vivendas que están a carón do lume e mesmo os propietarios dunha granxa na que andan facendo importantes investimentos nos últimos meses. Algunhas bágoas asoman polas fazulas dos máis directamente afectados...

É o conto de nunca acabar. Hoxe aquí... Mañá acolá..., neste bosque inmenso no que, por acción ou por omisión, temos convertido o noutrora verdescente solar que se chama “Galicia rural”.

E mentres todo isto acontece, eu trato infelizmente de poñerlle cara ó fillo de puta que alá polas catro e media da tarde provocou tal mobilización de medios económicos e humanos, e puxo en perigo as propiedades e as vidas de ducias de veciños meus, dun xeito tan estéril como asnal.

Te puede interesar