Opinión

Ídevos, grazas

Acabo de ler -en varios medios de comunicación- que unha variable do do imperativo do vero "ir" que viña sendo utilizada polo pobo na súa fala coloquial, como é "iros", seica vai ser aceptada finalmente pola RAE, polo que a partir do remate do verán poderá ser utilizada por calquera co beneplácito e o esplendor que a academia da lingua lle outorga ó idioma cando o pasa pola súa peneira.

Leo isto e móveme a cuestión a tres reflexións que paso a compartir de contado, benquerido lector.

A primeira é de contido informativo e lévame a cuestionar cómo un simple comentario feito por un académico no seu twitter (non máis de 140 carácteres, polo tanto) pode ser capaz de traspasar as fronteiras do muro persoal dun académico e saltar de súpeto a practicamente tódolos medios de comunicación, denantes incluso de que lle dea rango de noticia a propia institución, é dicir, a RAE.

A segunda ten que ver coas lembranzas infantís, aquelas que acontecían nos tempos nos que o galego non era ben visto cando o falabamos, pero servíanos, sen embargo -e aí foi onde lle vimos as primeiras utilidades-, para non cometermos faltas de ortografía cando nos dictaban algunha palabra que había que escribila con "h". Digo isto porque mentres que no castelán a segunda persoa do imperativo "ir" chega á aceptación da forma común "iros" porque a xente non utiliza coloquialmente a forma culta "idos", mira por onde que no galego a forma correcta "ídevos" ten  vixencia dende sempre, como tampouco provoca grandes dúbidas "ferradura" ou "figo", contra o que si acontece no castelán.

E a terceira ven a conto do papel que ha de xogar unha academia da lingua e que se ben no caso da española está ben clariño no seu lema de "fixa, limpa e dá esplendor", dáme a min que non acontece tanto coa galega que no canto de agardar a que as palabras se instalen na sociedade e, logo, unha vez fixadas e limpadas, darlles o esplendor instalándoas definitivamente no diccionario, pois vostede saberá coma min que non é a primeira vez que a RAG ten ido máis alá, pretendendo adiantarse ó uso cotián deste ou daquel rexistro, converténdose en organismo mentor dalgúns conceptos co obxectivo final de, unha vez inseridos no diccionario con calzador e movidos logo dende os púlpitos da cultura ou da política, ver se hai sorte e acaban por seren utilizados polo pobo.

Tal é o caso do xa famoso "grazas", que aínda é utilizado dun xeito residual nalgúns foros da política (normalmente castelán falante) e da cultura (igualmente neofalante) e que a min aínda me continua mancando nos oídos porque non hai cousa máis perversa ca pretender utilizar o idioma coma unha ferramenta de transmisión ideolóxica, cando o idioma, como cousa de todos, non é propiedade de ninguén. Nin sequera das Reais Academias.

Te puede interesar