Opinión

Isto non é unha haxiografía

Unha vez díxome unha frase lapidaria, desas que non se esquecen nunca máis na vida e que se non é de el, casa coa súa forma de ser, polo que podería ser perfectamente o seu propietario, sen ningún problema.

Foi a propósito dunha información que reproduciran días antes os medios de comunicación -algún con bastante tendenciosidade, por certo- e que tiña que ver cun ambicioso proxecto por el xestionado e que, coma tódolos proxectos, aínda que non ó cento por cento de como el o proxectara de inicio, hoxe está en perfecto estado de desenvolvemento para ben, en xeral, do conxunto da provincia.

Cando eu fixen alusión a aqueles comentarios específicos que con desprezo aludían a algo que lle custara tantas horas de sono, tantas viaxes e tantas esperas nos corredores da administración autonómica, nacional e europea, el quitoulle ferro e nin curto nin preguiceiro espetoume algo así como: "Mira Piñeiro, a única información que realmente vai ser transcendente na miña vida será o día que o meu nome saia publicado nunha esquela e esa non a poderei ler nunca, polo tanto, se queres que che diga a verdade -sexa certo ou relativamente certo- levo moito tempo poñendo en corentena o que de min ou sobre min poida reproducir a prensa".

Os que o teñen tratado, que só en clave ourensá poderiamos contabilizar por milleiros, seguro que verán nesta máxima unha síntese mínima pero identificadora da singular e ó mesmo tempo inqueda -incluso por veces acelerada-, pero no fondo sempre equilibrada personalidade de José Manuel Rodríguez, o ata a pasada semana xerente do Inorde e mentor de tantos e tantos proxectos xeradores de iniciativas e propulsores de economía en tantos e tan diversos sectores económicos da provincia, como poden ser o turístico, o termal, o agrícola, o forestal, o industrial ou mesmo o gandeiro.

O pasado día 31, despois de ducias de millóns de quilómetros percorridos ó longo da súa vida profesional, tanto no ámbito da empresa privada como dende o sector público, ó cumprir a idade xusta para -como din os portugueses- reformarse, decidiu poñer o pé na terra e baixar do coche -ou dos coches- que tanto lle gustou conducir incluso tamén no ámbito da competición deportiva, para gozar da vida un pouco máis en cámara lenta.

Non pretende, esta columna, converterse nunha haxiografía da súa traxectoria profesional, nin moito menos. Simplemente procura ser obxectiva e poñer negro sobre branco non só o traballo por el desenvolvido ó longo de case dúas décadas en favor do futuro económico de Ourense, senón (por moito que volva para a casa como chegou, é dicir, en silencio) deixar constancia escrita de que, mal que lle pese a algúns -que sempre os hai-, esta provincia hallo ter que recoñecer algún día.

Te puede interesar