Opinión

SOBRE LAPSUS, ORDES E OUTRAS CONSIGNAS

Como é tempo de andar remexendo papeis, un meu amigo, afeccionado ós documentos de noutrora, ándalles sacado o po ós moitos que ten na aldea, xa que a orde de retiro colleuno de descanso semanal naquela casa e alí se entretén coa súa lectura nestes días de enganada primavera.

Por un propio con permiso para ir e vir fíxome chegar a pasada semana unha carpetiña cuns cantos que agora me toca refollar a min co mesmo tino, unha vez espertou a miña curiosidade ó chamarme por teléfono e informarme de que no envío había algúns ben curiosos, por certo.

En de por vir halle tocar a outros, pero hoxe, pola oportunidade que lle outorga a inminente actualidade na que se sostén o seu contexto, permítame benquerido lector que traia a colación un oficio-circular  que o día 23 de novembro de 1938 (III Año Triunfal) lle remitiu o alcalde de Celanova, daquela Baldomero Pérez Fajardo, ós diferentes alcaldes da bisbarra, entre eles o que estaba á fronte do concello onde se atopa a aldea fornecedor amigo.

Trátase dun documento do tamaño de medio folio (o que hoxe sería un A5) reaproveitado pola cariña baleira dunha ficha da "estadística de paro obrero", na que, con toda a formalidade institucional que o momento esixía, o alcalde trasládalle ós seus colegas do Partido Xudicial o que segue:

"El Excmo. Sr. Gobernador civil de esta provincia, en telegrama del día de ayer, me dice lo siguiente:

Queda terminantemente prohibido lo que reiteradamente se tiene ordenado, de que las Alcaldía faciliten datos o información a la prensa sin autorización previa de esteGobierno Civil.

También se prohiben absolutamente reuniones u organizaciones de actos sin cumplir lo dispuesto en circulares de este Gobierno (...)"

Logo dunhas liñas con apreciacións de formulismo tramitativo, o devandito documento -non podía ser menos- remata con un excelso "Por Dios, España y su Revolución Nacional Sindicalista! Saludo a Franco! Arriba España!

Desexo que non vexa en min nestes momentos ningún aceno interpretativo con perversas intencións. Nin moito menos. Pero, polo fin deste Estado de Alerta, xuraría saber no que está pensando vostede arestora.

Un lapsus do garda civil -por Tutatis!- non o foi. Porque un lapsus é doado de corrixir pronunciando de seguido a frase que se quixo dicir e por un aquel non foi dita. Unha orde? Tampouco, porque as ordes agora non se poden transmitir coa mesma contundencia que se transmitían nos anos triunfais da victoria. Pero unha consigna..! Quen o sabe? Se esas transitan sempre polo nebuloso regato da sutileza.

Te puede interesar