Opinión

Máis sobre as "carnes tollendas"

Non lembro como o escribín esoutro día, pero no fondo váleme igual porque a denominación que lle dá un monxe de Celanova -e que para min resultou novidosa, supoño que para outra xente de formación clásica non tanto- ós días de Entroido nun libro que trouxen aquí a colación o pasado sábado, o autor escríbeo por veces xunto e noutras separado sen que o seu significado varíe.

Estoume referindo ós "días de carnes tolendas" ou "carnestollendas" que segundo a Galipedia (consultei outras páxinas máis persoais e veñen a dicir o mesmo), significa literalmente o que paso a describir:

"Carnes tollendas é unha abreviación da expresión 'Dominica ante carnes tollendas' ( en latín "domingo antes de quitar as carnes"). Chamábase así ao domingo antes de iniciarse a coresma, período de xaxún, segundo o calendario católico, no que estaba prohibido comer carne. De aquí provén a denominación castelá carnestolendas aplicada aos días de Entroido no calendario eclesiástico".

Pois ben, dado que esoutro día o espazo da columna non me permitiu moito máis ca unha breve introducción, permítome hoxe -agora que a tradición nos vai "quitar as carnes" ó longo de corenta días- traer a colación que era o que xantaban os monxes do cenobio da miña vila, cando menos hai agora dous séculos e é de supoñer que tempo atrás tamén pois non era moi dada a regra bieita a facer moitos cambios ou mudacións.

Escribe o monxe anónimo de Celanova, que "en el sábado, lunes, y martes de carnes tolendas se da 'soá', y patas de lechón con el platillo de verdura, cuyo plato, aunque antes se daba por la noche, en el día se da uno al mediodía a lo menos a los que comen en Refectorio. El lunes de Carnes tolendas hay extraordinario, así a comer como a cenar. El martes, a comer se da extraordinario de pastelón y otro de torrezno; y a la noche suele ser de cabrito el extraordinario que se da a la comunidad, con postre al fin de la cena".

E continúa: "Los Padres comen en la cámara, con el Padre Abad, seis días en el año solamente. A saber, día de Navidad, Pasqua de Resurreccion, Pasqua de Pentecostes (en cuyas tres Pasquas, aunque la comunidad come de pescado, se da a comer carne a los Padres que comen con el Abad) y los tres días de carnestolendas. En estas comidas se pone principio, una sopa, fuente de verdura con extremos de cerdo, olla de fresco, tres o quatro extraordinarios, plato dulce, que es del arroz que se da a la comunidad, queso, y manzanas. Y al último, anises y vizcocho con un buen vino.

Xa ve, benquerido lector, descoñezo se os meus vellos veciños de intramuros se disfrazaban ou non ás agachadas polos recantos sombrizos do convento. Seguro que algún insurrecto había de haber. Pero mal de todo non o debían pasar, cando menos á hora da cea ou do xantar.

Te puede interesar