Opinión

Máis vacas ca xente

Hai uns días, o meu vello amigo e camarada de travesía, Miguel Anxo Fernández, pendurou do seu muro de facebook, unha fermosa fotografía -calculo eu que dos anos 20- na que, dende unha perspectiva case aérea se pode ver o ambiente da feira bisemanal que, como xa hai tempo que ten quedado acreditado, foi o xerme nacional do Carballiño.

Os que me coñecen saben da miña non menos vella querencia polas fotografías antigas. Sobre todo por aquelas que, ben en primeiro plano ou como pano de fondo, amosan algún aspecto arquitectónico, etnolóxico, etnográfico ou social xa perdido no tempo, razón pola cal, tan pronto a vin non me puiden reprimir para comentala e pedirlle permiso para gardala, entre outras cousas porque o retrato social que reproduce forma parte da memoria profesional dos meus devanceiros, polas dúas pólas familiares.

Describireilla literalmente, por máis que para ser quen de observar a súa auténtica dimensión sociolóxica, non queda máis remedio ca contemplala. Cousa, por outra banda, nada complicado a nada que un teña acceso ó facebook.

Ademais dun entorno construído completamente transformado na actualidade, segundo a propia descripción de Miguel Anxo, reproduce a postal un verdadeiro xentío no campo da feira carballiñés, con homes e mulleres transitando con dificultade por aquí e por acolá entre unha nube -imaxino que barrosa, porque esa era a raza que poboaba daquela as nosas aldeas- de gando vacún, non fácil de contabilizar, pero si de calcular por aproximación, sen chegarmos ó nivel da tradicional esaxeración que os carballiñeses de hoxe acadan c os cálculos dos participantes anuais da Festa do Pulpo.

Non é o meu desexo, polo tanto, sumarme á esaxeración. De tódolos xeitos, botándolle unha pouca paciencia para contabilizar unha pequena sección da fotografía, non temo botar os pés fóra da manta se afirmo que entre vacas, becerras e bois, o número de asistentes de catro patas a aquela feira superaría con creces o medio milleiro de animais, procedentes con total seguridade de toda a comarca do Orcellón.

Era, aquela, a Galicia da fame que procuraba futuro na emigración. Unha Galicia masificada -contan os libros de historia contemporánea- que non tiña capacidade para nada máis ca para procurar unha economía de subsistencia allea a outro tipo de transacións.

É certo que seríamos inxustos coa nosa propia época se miraramos cara atrás envexando o que xa foi. Polo tanto, non é que mire con envexa aquela fotografía. O que si contemplo con nostalxia é a demografía. Pois aquel día de feira había máis vacas no Carballiño ca xente hai hoxe nalgúns municipios de Ourense, por mor -que paradoxo!- da perda de dúas ou tres xeracións que hoxe fan patria na precisamente na emigración.

Te puede interesar